sábado, 13 de xuño de 2026

Cara á desaparición do papel

 



A principios da década dos anos noventa do pasado século, unha coñecida compañía especializada en ofimática ofrecía os seus produtos como o maior adianto tecnolóxico cara a oficina sen papeis. Falábase daquela da cantidade de árbores que non sería necesario talar e do bo que iso é para o medio ambiente. Era o momento en que se popularizaban os ordenadores e os arquivos informáticos, pero aínda así, esa mesma compañía tiña unha sección dedicada a vender resmas de papel; iso si, con unha nota ben rotulada en cada paquete anunciando que por cada tonelada de papel a compañía plantaba non sei cantas árbores.

O certo é que oficinas sen papeis só as vin nas películas, porque a realidade é outra cousa. Por algunha razón, por costume ou por inercia para non perder os vellos usos, seguimos fiándonos máis do documento impreso ca dun arquivo electrónico, sempre máis exposto ó ataque dalgún virus informático ca o papel a ser pasto do lume, da humidade ou da couza. O cal non impide que o único papel que entra na miña caixa de correo sexa de propaganda comercial; de feito xa hai anos que non pego un selo, e todas as cartas me chegan vía eMail.

 

Cóntanme que dende o parlamento europeo sacaron unha normativa co fin de diminuír o consumo de papel ata nas caixas de medicamentos, de cara a que dentro de catro ou cinco anos desapareza o prospecto dos mesmos e se substitúa por un código QR, ese que os xaponeses inventaran para control de fabricación, e que significa “Resposta Rápida”. A verdade é que o prospecto médico só debemos de lelo catro rariños, pois sempre é máis clara a explicación da farmacéutica ca esa inutilidade de receita de difícil lectura e de abusiva letra pequena. Non é o único caso. De feito, moitos aparellos de nova fabricación, tales como coches ou lavadoras, xa trocan o libro de instrucións por un simple QR que, unha vez descargado pon no teu teléfono móbil ou no ordenador o manual que se precisa.


Nos restaurantes, xa é habitual trocar a “carta de menú”, por ese cadradiño de cadrados en branco e negro, de cinco centímetros de lado impreso nunha esquina das mesas para que o cliente escolla os seus pratos sen necesidade de agardar ó camareiro. E eu boto en falta aquelas carpetas que che poñían diante en canto sentabas, e o primeiro que mirabas era o viño que ías pedir ou o prato principal, antes de aconsellarte co camareiro.

Agora os QRs están en todo, dende as cartelas dunha exposición de arte ás explicativas e informativas diante de monumentos artísticos e arquitectónicos, o que nos obriga a levar o móbil sempre na man, como caxato de invidente. Nesa disputa entre letra impresa e letra electrónica, xa se ve máis xente lendo ebooks ca armatostes de papel impreso. A este paso teremos revistas dunha única páxina que, debaixo do titular veña o código QR para quen queira ler o artigo, e iso si que vai aforrar papel.

Pero o amigo Xulio, home da vella escola, cando entra nun museo ou nun lugar turístico, sentíndoo moito polas árbores, o primeiro que procura é o folleto en papel, que lle dá máis confianza e ademais permítelle facer anotacións. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).






Ningún comentario:

Publicar un comentario