Houbo un tempo no que ata os nenos levaban pucha, boina ou viseira, pero agora nin ós vellos lles dá por cubrir a cabeza. A boina caeu tan en desuso que ver a alguén con ela pola rúa ata parece un anacronismo.
Confeso que eu son máis de gorra ca de sombreiro, desas de estilo irlandés, ou polo menos dende que me decatei de que aquelas melenas das que presumía antes de ir á mili xa non volverán nunca máis, e moitas veces, en canto saio da casa, se non a levo, noto ese airiño fresco que me obriga a volver por ela.
A cabeza podemos tapala por motivos hixiénicos, de abrigo ou de fachenda, para non deixar ver que os anos pasan factura. Tamén se poden usar por gala e chulería, só hai que ver o adornadas que son algunhas monteiras de gaiteiro en contra-posición coas gorras de viseira, tan propias do ámbito ianqui, que máis parecen un produto de propaganda, cos seus anagramas e lemas estampados como marca distintiva,
Tampouco as mozas acostuman a cubrirse, agás en contadas ocasións, nalgunha festa ou solemnidade en que poden presumir de pamela, sen necesitade de ir a Ascot (Reino Unido), para alardear de elegancia con tocados do máis extravagante, onde o adorno prevalece sobre a función primordial de calquera tapatestas. Pero, como o mundo dá moitas voltas, é moi normal que o que antano só era indumentaria das clases pobres, de pescas e campesiñas, máis preocupadas polo práctico e funcional, fai que se recupere o sancosmeiro, o sombreiro propio das terras de Outes e Mazaricos, cuxo nome lle fai honor á parroquia de san Cosme de Antes, unha prenda que se expandiu por toda a bisbarra e máis aló. Aínda lembro coincidir nunha excursión por algún país de Oriente Medio con unha paisana que o levaba. ¡E que ben lle quedaba!
E en efecto, coa súa ala ancha, a copa adornada cunha tea, a ser posíbel de seda, rodeándoa cunha lazada que cae polas costas en competencia co periquito ou a melena é, sen dúbida, a nosa pamela tradicional, elaborada coa paciencia de mans áxiles nas longas noites de inverno, con pallas de centeo trenzadas, que camiñou a través dos séculos cubrindo as cabezas femininas sen perder a súa esencia, e hoxe volve a florecer como unha prenda que entra na modernidade por cómoda, elegante e de artística elaboración, sinxela e funcional que, como din os que lle cantan (porque agora o sancosmeiro tamén ten o seu propio canto de loanza), “para o sol ou para a chuvia non hai mellor sombreiro”.
A norma é facelos con pallas trenzadas con diferentes nós que dependen das mesmas trenzadoras que os elaboran, dándolle o seu toque persoal, como se fose a súa marca de fábrica, nós polos que un experto pode identificar á artesá.
Como queira que sexa é de supoñer que a moito non tardar, o Sancosmeiro, que hai anos era cousa de vellas e rústicas, volverá a percorrer as rúas e as corredoiras, as romarías e as praias, porque hai algo que nisto das modas sempre acaba triunfando: o cómodo e funcional, sen necesidade de que para levalo haxa que vestir con traxe típico nin levar a gaita ó lombo.
Francisco Ant. Vidal
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de La Voz de Galicia de Barbanza).
