Amosando publicacións coa etiqueta Arte e historia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arte e historia. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de xaneiro de 2025

O Isaac, sempre facendo cousas.

 


O pasado día cinco fixo trece anos que nos deixou Isaac Díaz Pardo, a quen en certa ocasión, durante unha mesa redonda sobre o empresariado galego lle escoitei contar como alguén lle ofreceu unha alzadora, unha máquina que se usa para ordenar as follas do que logo vai ser un libro, como algo que lle evitaría o emprego de polo menos dúas persoas, e entón preguntoulle ó vendedor en que lle axudaba a el deixar a dúas persoas sen traballo.

Só esa anécdota xa fala da humanidade deste intelectual a quen no presente ano se lle dedicará o día das Artes de Galicia por algo máis ca por ser o creador de cerámicas do Castro, que fundou en 1949, ou o Laboratorio de formas, en 1963, así como quen revitalizou Sargadelos, cerámicas, ambas, que se converteron en símbolo da nosa terra e das que todos temos algunha peza nas nosas casas.

Cando íamos á fábrica, en Sada, este emprendedor ben podía aparecer co seu longo gardapó gris e unha ringleira de lapis asomando no peto superior, por veces invitándonos a visitar o museo Carlos Maside, sempre aberto e gratuíto, onde aprendemos a recoñecer a obra dos nosos creadores. Como editor abriulle as portas da editorial “Do Castro” a moitos escritores que con el viron publicados os seus primeiros libros.

Ademais de empresario e animador cultural, Díaz Pardo, foi un dos máis representativos artistas galegos, pero sobre todo unha persoa preocupada polo devir da súa terra e da súa xente, entendendo que son as persoas quen fan o país. Así podemos velo en cadros seus como A barca de Caronte onde todos axudan a izar as velas, facéndonos un chamamento ó esforzo colectivo, onde serán as persoas quen marquen o rumbo desa nave que nos leva a traspasar as portas do máis aló, ou do futuro. En Os afogados, onde a solidariedade se amosa na recuperación dos mortos dun naufraxio, algúns críticos entenderon esa escena como a recuperación dos asasinados durante a Guerra Civil (mortos sen causa), na que tamén mataron a seu pai cando el só tiña catorce anos. En O Mitin, que el quixo titular O Discurso para que non lle parecese mal ós dirixentes daqueles anos, un orador diríxese a un grupo de oíntes, como se se tratase dunha reunión de veciños, evocando aquilo que na dura posguerra se deu en chamar a concienciación de base. Son cadros onde parecen repetirse as caras de ollos grandes e beizos carnosos. Non hai sorrisos pero si unha profunda mirada que parece chamarnos para que nos impliquemos na escena. Son faccións cheas de forza vital, con protagonistas serios e resignados, verdadeiros retratos da alma galega, cunha mensaxe implícita: ninguén sobra, todos fan algo, ninguén é imprescindíbel. Incluso os que observan fano como agardando o momento de botar unha man. E como sabía que todos somos necesarios serviu de ponte entre a Galicia interior e a exterior, a da emigración e o exilio, incorporando ó seu proxecto a intelectuais da talla de Luis Seoane, Rafael Dieste ou Neira Vilas.


O vindeiro un de abril, cando se celebre o Dia das Artes de Galicia, aínda que o Isaac non poderá estar presente, escoitaráselle dicir, con esa humildade que sempre amosou: Eu sempre estiven facendo cousas.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

sábado, 16 de novembro de 2024

Espolios e santidades

 


Cando nomearon a Pelaio de Cebeira bispo de Mondoñedo, por consello do seu rei, Fernando II, instalouse en Ribadeo, onde exerceu o seu apostolado dende decembro de 1199 ata que morreu, en novembro de 1218, e os ribadenses agradecéronllo.

Tanto así, que o seu sepulcro, instalado durante cinco séculos na desaparecida colexiata que el fundara, converteuse en lugar de peregrinación, a onde os fieis acudían agardando liberarse das súas doenzas tan só por tocar o sarcófago coas propias roupas, con estampas, cintas ou simplemente por acariñalo, agardando que o bispo alí soterrado intercedese no seu favor ante as altas estancias da divindade. E se o ritual se executou durante tanto tempo, ¿quen somos nós para dubidar da fe popular?

Sen embargo, Pelaio de Ribadeo foi un deses santos a quen a santa Sede non recoñeceu nunca, a pesares da grande devoción que espertaba e de ser santo por aclamación popular, que é a santidade máis digna e agradecida que existe; e para levarlle a contraria ós devotos ribadenses e confirmar que o pobo se equivoca cando non conta coa opinión da autoridade, o bispo mindoniense, Manuel Francisco de Navarrete y Ladrón de Guevara, alavés de nacemento pero pouco coñecedor da relixiosidade galega, en 1701, coincidindo co catrocentos oitenta e tres aniversario da morte do venerado bispo, mandou e ordenou que non se volvesen a facer rezos diante do sepulcro para pedirlle favores, nin dar cabezadas de penitencia contra el; e para demostrar que quen alí estaba era un finado máis, bispo pero mortal sen poder de intercesión coa divindade, mandou que se abrise o seu sepulcro e se comprobase que o corpo non estaba incorrupto, como lle correspondería se estivese agraciado co don divino. E ninguén lle retrucou o sabio prelado, aínda que segundo esa opinión, habería que retirarlle a peaña da santidade a san Rosendo, a san Froilán e ó apóstolo Santiago ou quen queira que sexa o que está no seu sitio durmindo o sono eterno.

¡Que pouco sabe a Igrexa de santidade!

A colexiata onde se acollía o venerado sepulcro foi perdendo seareiros e por falta de uso e coidados ficou no abandono ata que, debido ó seu estado ruinoso, foi derrubada en 1788. Pero xa, unhas décadas antes, foron retirados do sepulcro do bispo as xoias que o finado portaba para camiñar polo Alén coa debida dignidade, e entre elas o báculo episcopal, elaborado con ouro e pedras preciosas, depositado durante anos na catedral de Mondoñedo, ata que o cabido, con afán puramente crematístico, decidiu venderllo ó coleccionista catalán Luís Plandiura en 1932, para acabar, a día de hoxe, no Museo Nacional de Arte de Cataluña, onde aínda se custodia. Toda unha obra de ourivaría en que é de resaltar a voluta en que se representa ó Arcanxo san Miguel matando ó demoño con forma de dragón; aquel mesmo demoño que quixo tentar a Cristo ofrecéndolle todas as riquezas do mundo.

Desgraciadamente non é esta a única peza que foi espoliada, mal vendida ou usurpada, lembramos as dúas esculturas arrincadas do mosteiro de Carboeiro ou as imaxes do retablo pétreo de Santiago, sen que ninguén mova un dedo por reclamar eses roubos disfrazados de negocio, doazóns ou custodias cuxa falta só contribúe a empobrecer o noso patrimonio.

Calquera día ata nos levan o santo dos Croques.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)

 

xoves, 30 de xuño de 2022

MODELOS CONHECIDOS, PINTORES ANÓNIMOS...

             Por Nom-Som-Quem

             Quantas vezes temos reparado, na relatividade da história humana! Homenagea-se persoeiros que lograrom ser identificados, geralmente por serem contemporâneos dos homenageadores... e nom damos homenageado os que fixerom os inventos ou descobrimentos mais importantes para essa nossa história, assi: o lume, a roda, como exemplos mais citados. Eis os anónimos relevantes, exemplos da impossibilidade da justiça humana... que vem sendo a única justiça, isto é assi!

            Noutros ámbitos: vedeaí a multitude de óleos sem autor conhecido que tenhem alcançado celebridade. E isto evoca-nos o caso, quase borrado na nossa fraca memória, nos seus detalhes precisos, daquele hierarca dos Países Baixos, desconhecido, até que, graças ao bem conhecido retratista flamengo, tomou existência real: mercê à actuaçom do pintor o pintado ficou identificado.

                           

Cabeça de anciao, por Jenaro Carrero (esq.) e Pepe D.N. 

             E agora um peculiar exemplo de nosso. Na Galiza, como no mundo, houvo académias de pintura que contratavam -seguro que por dous patacons- junto a mulheres, gentes da rua, mendigos ou humildes trabalhadores, para operarem como modelos dos jovens estudantes de desenho e/ou pintura. 

"Campana Choca" por Jenaro Carrero
 

            Nós temos identificado a dous velhos composteláns que forom plasmados no óleo por dous rapazes alunos da “Sociedad Económica de Amigos del País”, onde era daquela professor José M. Fenollera (1851-1918) -cujo retrato de A. Brañas na sua cadeira de balanço é o seu mais divulgado e, nestes días, está a ser redescuberto.

     Esses dous aprendizes filhos de Compostela nom chegarom a exercer a pintura dum jeito profissional: tanto Paco P.D. (1876-1954) -mais adiante IX conde de Canillas e presidente da Academia de Belas Artes-, quanto Pepe D.N. (1877-1946) -que vivéu como médico-, ambos futuros vizinhos da Corunha, nom passando à história da arte pictórica.

"Campana Choca" por Pepe D.N.

            Curiosamente houvo um terceiro aluno -embora prematuramente malogrado, como membro da que se déu em chamar “Generación doliente”-, o noiês Jenaro Carrero (1874-1902), algo mais velho do que os outros, quem si chegou a ser um destacado pintor, e ele, como o seu companheiro mais novo Pepe D.N., plasmou a dous daqueles modelos quase anónimos, cujos retratos oferecemos aos leitores d'Os Chanzos.

            E dizemos quase anónimos, dado que um deles é o popularíssimo cego “Campana Choca”,  indivíduo daquela Compostela de fins do XIX... quem, por certo, antes (1881) fora desenhado por Federico Guisasola (1830-1882) e, contemporaneamente, incluido nun ensaio de Fernando M. Vilanova, segundo nos informara Rodri García. Quanto ao outro retratado é simplesmente denominado por Couselo Bouzas “Cabeça de anciao”...

            Resgatamos, pois, esse dous homes do povo juntando-os pola primeira volta, lamentando nom podermos oferecer ao anciao coas cores com que apresentamos o outro mais famoso.