xoves, 4 de abril de 2019

NON É UNHA NOTA NECROLÓXICA


                                                                                       Por Pepe de Rocaforte

O vintenove de marzo morría en París Agnès Varda, mentres máis ou menos á mesma hora vía eu na casa o seu documental “Os espigadores e a espigadora”, coincidencia que parece inducirme a redactar a consabida nota necrolóxica, pero non o farei porque é algo que non me gusta moito e ademais pouca cousa sei sobre esta muller.
En realidade o primeiro coñecemento que tiven de Agnès Varda foi hai cousa duns tres meses, cando un amigo me falou eloxiosamente da súa película “A felicidade”. Busqueina, vina, e aínda que lle atopei algunhas cousas matizables desde o meu punto de vista, animoume a buscar máis filmes seus. Non me referirei a eles, a excepción dun par de apuntes sobre os dous últimos que acabo de ver, uns documentais que me pareceron admirables.
“Os espigadores e a espigadora”, do ano 2000, mostra unha Francia pola que, armada coa súa cámara dixital, vai facendo un traballo de “espigadora”, filmando canto chama a súa atención, a partir dunha idea proporcionada polo cadro de Millet, “As espigadoras”.  Varda fai un traballo que, entre outras cousas, fíxome ver como estes rumanos que remexen nos contedores do lixo á rebusca dalgún material aproveitable para sobrevivir, fan algo parecido ás espigadoras doutro tempo.
Neste documental chamoume a atención un grupo de xente que ía a certa distancia detrás dunha máquina recolledora de patacas, collendo as que deixaba perdidas a máquina. Nesa leira, de considerable extensión, colleitan unhas 4500 toneladas de patacas por temporada, que para poñer á venda nos supermercados deben ter un determinado tamaño. As que exceden dese calibre, unhas 25 toneladas, rexéitanas por invendibles. E non só eso, senón que esas rexeitadas (as 25 toneladas citadas) lévanas en camións e tiran con elas.
O outro documental, “Caras e lugares”, é un traballo feito ós seus oitenta e nove anos en colaboración co fotógrafo (“artista visual”, chámanlle nun artigo en El País) JR. Se no comezo do documental anterior, filmaba o seu propio cabelo e as súas mans, como avisos do pouco que lle quedaba de vida, en “Caras e lugares” vémola chea dun optimismo  que só sufriría un pequeno bache cando, acompañada de JR, se achega en tren a Suíza para visitar ó seu antigo amigo Jean Luc Godard, con quen contactara para visitalo na súa casa.
Ese día Varda e JR atopan a porta pechada e as persianas baixadas. Ninguén aparece a abrir, pero nunha vidreira ven escritas unhas palabras: “Na cidade de Douarnenez, du côté de la côté”. A muller achégase a lelas mentres di que Godard é impredecible, un filósofo solitario, pero acabada a lectura, non pode coutar uns saloucos. A mensaxe parécelle clara. “Se fixo esto para entristecerme, conseguiuno”, di. En Douarnenez, explícalle a JR, estiveran anos atrás ela e o seu marido con Godard e Anna Karina. “Du côté de la côté” é o titulo dunha película feita por ela naquel tempo.
Logo pídelle un rotulador a JR e escribe na mesma vidreira: “Gracias JLG por teres algo de memoria e non gracias por terme a porta pechada”. E despois de deixarlle na entrada un paquete de brioches que trouxera para el da súa pastelaría favorita, comenta entre dentes: “Es un impresentable”.

luns, 1 de abril de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (12)


                                                                        O Curmán de Undochán
     Nestes países a palabra gallego, amáis de abranguer a todos os españois (exercendo un involuntario imperialismo conceptual), tivo connotacións máis que pexorativas. Era un reflexo da aparencia que moitos fillos de Galiza daban de persoas incultas e rudas. Todo por proviren, na maioría, do medio rural e por non dominaren o idioma español, expresándose nun castrapo, aquí ainda máis agudizado polo contraste co español do Uruguai, diferente, no seu vocabulario e pronuncia, do que na Nosa Terra se falaba e fala. (Racismo lingüístico tamén exercido con outras etnias: italianos, árabes…).

Cando, coa millor intención, se pretendía non ofender ao interlocutor galego, isto traducíase no feito de evitar chamalo gallego, para pasar a englobalo ou difuminalo no xentilicio ampliador de español. Algo similar ao eufemismo moreno para se referiren ao negro ou preto (pois nestes lares o equivalente ao moreno de España é morocho). Mais se querían ofender ao galego, entón si chamábanlle gayego, enfatizando o calificativo talmente como se facía co negro: ben sabemos que todo radica no ton ou xesto con que se di calquera palabra.
 
Entón había un certo número dos nosos connacionáis que, ao supostamente insultalos con ¡gayego! ou ¡gayego cuadrado!... respondía: ¡Gallego, y a mucha honra!, expresión de dignidade que deixaba ao outro sen argumento. Así facía, disque, o noso  Soliño da crónica anterior.
Pasaron os anos. A xente foise informando. Veu o masivo exilio, económico primeiro, político despóis, dos rioplatenses en xeral. Moitos fillos ou netos de galegos, deron cos seus osos en Galiza e descubriron todo o bo que Galicia tiña para lles ofrecer. Foron, daquela, rectificando as suas rancias certidumes pexorativas.
Hoxe, e desde hai décadas, o termo gayego deixou de ser ofensivo. Ninguén ousaría nestes tempos utilízalo como necio insulto. É máis, pasou a ser cariñoso de vez e chamouse e chámase gayego (e yoyega, en vesre, ou gaita) ao fillo ou mesmo ao neto do galego… e este acéptao con total naturalidade, diría máis, con lexítimo orgullo, unha vez demostrado que o país dos ancestros é un lugar como calquer outro e ben máis fermoso e ricaz en bens e en historia que moitos do ancho mundo.      
 
     A linguaxe híbrida a que nos teñen afeitos, 
igual permítenos saber que, desde 2010, 
o Centro Orensano cambiou para Centro Ourensán…  
Non foi menor o labor que unha institución como o Patronato da Cultura Galega (fundado en 1964 polos últimos galegos galeguistas da posguerra) e a audición radiofónica Sempre en Galicia (de 1950 ata hoxe) fixesen campaña tras campaña informando da decisiva impronta galega nesta república: José A. y Trelles (Ribadeo, 1857, poeta gauchesco), Adrián Troitiño (Moalde-Silleda, 1869, sindicalista) ou Juana de Ibarbourou (1892, filla de Vicente Fernández, de Vilanova de Lourenzá), no século XX… entre centos de galegos e galegos-fillos, varios deles próceres fundadores, sonvos  exemplo desa pegada que, alén diso, dá a pauta dun país acolledor como poucos.
     
Frase extemporánea: Algúns logros do Uruguai como país: 8º no mundo en inclusión social (1º en Latinoamérica); 1º en Latinoamérica en maior desenvolvemento democrático.