sábado, 1 de xuño de 2024

O leite


A pesares de que o refrán diga que con pan e viño ándase o camiño, o leite é quen nos axuda a dar os primeiros alentos de vida, e tamén, por curiosa casualidade, é o alimento preferido da ancianidade, como se con el se cerrase o círculo vital durante o que formou parte da nosa dieta, xa sexa combinando con outros produtos ou en forma de queixo e iogures.

 Os mesmos mitos contan que cando naceu Zeus, para apartalo da furia de Cronos, afeito a devorar ós propios fillos por medo a que o destronasen, súa nai deixouno ó coidado dunha cabuxa, quen o aleitou ata que o cativo puido valerse por si mesmo.


O leite foi un dos alimentos máis venerados dende antigo. Os exipcios tiñan en Hathor a unha deusa, con cabeza de vaca, a quen consideraban nai de todos os faraóns, e na relixión cristiá, unha das imaxes máis populares é a da Virxe María aleitando ó Neno, cuxa festividade se celebra en setembro, unha imaxe idéntica á da deusa exipcia Isis co seu fillo Horus sentado no colo e mamando do seu peito, o cal demostra a importancia que se lle daba a latencia xa dende tempos antigos. Incluso din que a tumba de Osiris, o deus despezado e arroxado ó Nilo, que a súa esposa Isis puido recuperar, cachiño a cachiño, tiña 365 altares onde sempre había leite. Sen embargo, gregos e romanos, non tiñan moito aprecio por el en forma líquida, Aínda que si apreciaban todo tipo de queixos.

E se ben é considerado un alimento imprescindíbel, tamén se lle negaba a quen non era querido, como se nos conta no mito da formación da Vía Láctea, o noso Camiño de Santiago, cando a todopoderosa Hera estaba descansando e alguén lle aproximou o pequeno Hércules ó seu peito, quen se puxo a mamar con tanta forza que espertou á deusa, e esta, ó ver que quen estaba chuchando da súa teta era un dos fillos ventureiros do seu promiscuo esposo, arrincouno de si con tanta forza que o peito seguiu esparexendo o leite polo ceo.


Da súa importancia como alimento nutricional, temos un exemplo no museo etnográfico da Fonsagrada, onde se conserva un curioso amuleto que as mulleres da zona usaban mentres tiñan crianzas que aleitar. Trátase dunha bolsa de coiro que as mulleres colgaban ó pescozo co fin de atraer o leite ás mamas durante a lactación, e cando a muller quería que a crianza fose aprendendo a tomar outros alimentos, colgábanse esas bolsas para as costas, na crenza de que así o leite retirábase ou deixaba de fluír. Ó preguntar que había dentro delas para facilitar o remedio, soubemos que só eran uns pelouros brancos impregnados de leite materno.

Pola súa importancia como alimento, o primeiro de xuño é, por decisión da FAO (organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) o día do leite.

Os do meu tempo aínda han de lembrar aqueles vasos de leite que nos daban nas escolas, na década dos anos sesenta do pasado século, unha especie de compensación nutricional nun tempo de carencias, que os americanos, apiadados da miseria que padecíamos, nos subministraban en po para mesturar con auga e provocar algunha que outra diarrea, a troco de terreos para as súas bases militares.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

sábado, 25 de maio de 2024

O día dos friquis

         

  Todos os martes, no bar onde paramos a tomar as cañas, encontrámonos con un grupo de mozos e mozas xogando ás cartas sobre un tapete de cartón decorado con un labirinto cheo de castelos centroeuropeos, covas con monstros e paisaxes fantasmagóricas onde reparten, a modo de fichas, unhas figuras máis propias dunha saga nórdica ca do mundo real. Pregunteille a un coñecido por eles e só me dixo que eran uns friquis.

   Na mesa do lado estaban uns señores maiores xogando con cartas das de toda a vida sobadas polo uso, con reis de bastos e copas, sobre un tapete verde, e non hai día que falten ó seu encontro. Pero estes non son friquis. Fan o mesmo pero é outro xogo. Estou seguro que nin os mozos saben xogar ó xogo dos vellos nin os vellos ó dos mozos.

            Non lle vou facer caso a esas definicións que nos presentan ós friquis como seres obsesionados con algunha ficción cinematográfica, de cómic ou de literatura fantástica, porque se a iso vamos, ¿quen non tivo algunha vez desexos de vivir as vidas dalgún dos seus heroes imaxinarios? Teño un amigo que, aló polos anos da adolescencia, soñaba con pilotar o Nautilus ou viaxar á lúa dentro dunha bala de canón, como propoñía Xulio Verne, e incluso tomou algún que outro apunte para facer realidade os seus soños. Pero este amigo nunca foi friqui, o máis a que chegou foi a ser un rariño. Pertencía ó grupo daqueles rapaces introvertidos que coleccionaban selos ou cromos e preferían encerrarse coas súas fantasías antes de saír a darlle unhas patadas ó balón.

             Din que os friquis métense tanto no papel dos seus heroes que ata se disfrazan co mesmo tipo de roupas daqueles, pero nada teñen que ver con ese outro grupo de persoas que vimos estes días coa camiseta de Lucas Pérez, desexando subir a segunda ou coa de Iago Aspas invocando á deusa fortuna para non descender, sen máis tema de conversa que o fútbol nin máis lecturas que as páxinas de deportes, obsesionados cos seus heroes e os seus equipos. A estes só lles chamamos seareiros.


            Todos temos as nosas teimas e as nosas excentricidades, pero ós friquis acúsanos de ser tan maniáticos que calquera momento lles serve para meterse na pel ou na roupa dos seus personaxes ideais, ata o extremo de maquillarse para parecerse a eles, e ata poden darse casos de alongar as orellas co fin de identificarse co capitán señor Spock. Cargan co seu portátil coma quen carga coa propia identidade e a maioría deles son expertos en novas tecnoloxías, pero a palabra friqui segue sendo despectiva.

            E agora, cando todo ten o seu día, para celebrar o orgullo de ter os gustos que teñen, cada 25 de maio están de festa, en conmemoración do estreo da película Star Wards de 1977, como querendo revivir ese mundo futurista, cheo de fantásticas vivencias que desafían as máis elementais leis da ciencia.

            O meu amigo nunca chegou a vestir as roupas do capitán Nemo ou dun astronauta decimonónico, e menos aínda de ningún equipo de fútbol, agás cando xogaba de suplente co seu colexio, pero nas súas fantasías incluso chegou a pelexarse con unha lura xigante. Non era friqui pero era moi imaxinativo.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).