sábado, 9 de novembro de 2024

Lembranzas no padal



A famosa madalena de Proust segue dando de que falar, era esa que o escritor degusta e cuxo sabor o retrotrae ás lembranzas da súa infancia, adolescencia e madurez a través de sete libros escritos a pulso e sen erguerse da cama.

 Outros buscamos a memoria das nosas experiencias no retorno a unha casa que nos marcou na nosa nenez, na visión dunha foto ou nun episodio do pasado que comentamos con un veciño, conscientes de que un simple feito, algo que semella insignificante, pode turrar polo fío das lembranzas facéndonos repasar a nosa biografía con máis ou menos carga de sentimentalismo e morriña. Incluso con algo de vergoña moitas veces.

A Xulio, este verán, o que lle trouxo a lembranza do pasado foi un arrecendo a fanecas fritas, que lle lembraba aqueles anos da adolescencia en que acompañaba a seu pai algunha tarde de pesca, e logo ceábanas comentando as vicisitudes do día. E é que talvez sexan as cousas que nos entran polo padal o que máis nos arrastra ó pasado con ese envoltorio no que tamén entra en xogo o olor que envolve ese bocado de memoria. Cantas veces ó entrar na casa materna non nos sorprende o arrecendo da nosa infancia. E nestes días de noites longas, andando da cociña ó salón, talvez sexa un bo momento para lembrar aqueles pratos que xa ninguén saborea, aqueles prebes que a matriarca da casa elaboraba con paciencia infinita e sen axuda de ningún batedor, micro-ondas ou robots de cociña, a golpe de morteiro e coa pota a lume lento.


Quizabes por esa necesidade de encontrarnos cos sabores do pasado, con eses pratos que non veñen precociñados, nos guste tanto visitar as casas de comida, esas fondas onde saborear un exquisito pantullo outrora reservado para quen tiña unha avoa na aldea ou un familiar que criase cocho.

Non é necesario, para estimular o padal dos recordos chegar ó extremo do famoso cociñeiro Roca, quen xunto cos seus irmáns, decidiu recuperar eses vellos sabores co seu particular selo, inaccesíbel para a maioría dos petos, introducindo na cociña libros vellos en contacto cos alimentos para que collan ese sabor a antigo, ou envolvendo as súas exquisiteces (segundo os críticos gastronómicos que puideron probalas) en papel de arroz, comestíbel e impreso con pasaxes da obra de Proust. Claro que o comensal non está obrigado a ler nin unha soa páxina antes de botarlle o dente; pero iso de usar papel na cociña eu lémbroo de preparar guisos tapando a pota con papel de farrapos para recoller os vapores e potenciar o sabor. Pero este non se comía.


E claro que non é preciso, para reencontrarnos cos sabores tradicionais de maneira innovadora recorrer a eses métodos de espectáculo, para que a comida nos entre por boca, nariz e ollos; xa bastante temos con eses modernos restaurantes onde o cociñeiro faena á vista do comensal, para que se vexa que non hai trampa nin cartón, coma quen asiste a un espectáculo de maxia, para que os asistentes saquen de móbil e o inmortalicen.

E é que ata unha simple parroeira, desas que xa non se fan e moitos nin coñecen, se a servimos directamente da tixola e lle poñemos unha ramiña de cedrón como adorno, non hai restaurante no mundo que a iguale.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

sábado, 2 de novembro de 2024

Os epitafios de Spoon River

 


¿A quen se lle podería ocorrer representar en Broadway uns epitafios? Á fin un epitafio é unha sentencia para a eternidade, que non sempre é compartida polos vivos. A maioría das veces o que queda escrito na lápida é unha mostra de aprecio posta por alguén próximo, o cal non indica que esa opinión sexa compartida.

Segundo quen decide ou discorra esas sentenzas que vemos así serán de emotivas. Unhas veces todo fica nunha expresión de cariño, copiada literalmente dalgún texto relixioso, e outras son máis orixinais e laicas. Tal vez as máis realistas sexan as lápidas gremiais de Noia, que o din todo sen palabras, porque lonxe de valorar se acollían a unha persoa boa ou mala, ou se lle desexan mellor ou peor estancia no Máis Aló, só se indicaba o oficio. Logo, cada quen lembrará se o carpinteiro alí soterrado lle fixo unha mesa coxa ou se o zapateiro un zoco sen sola. Con poucas palabras fica a lápida de Antonio Palacios, no Porriño, tan só o seu nome e debaixo a profesión: Arquitecto. Non poido dicir o mesmo dunha que atopei no cemiterio dunha vila ourensá, onde alguén moi querido do finado escribiu debaixo do seu nome: “Durmido na voz do vento, durme por sempre o gaiteiro, ¿quen puidese espertalo? ¡¡Quen puidese espertalo!! Meu amigo”. Uns versos propagandísticos que me deixan a dúbida de se era bo ou mal gaiteiro.

Á fin un epitafio é algo máis ca unha frase de despedida, tamén é a lembranza que queda para que os epigrafistas do futuro saiban del como hoxe sabemos de centurións ou de pretores romanos. Pero para epitafios que retraten a vida e a sociedade, talvez os de Edgar Lee Masters, recollidos no seu libro Antoloxía de Spoon RIver, que non están escritos sobre pedra, senón sobre papel, nin son frases curtas senón poemas de corte social.


Edgar Lee Masters estudiara avogacía, pero a súa paixón era a de escritor, polo que durante moitos anos alternou o seu traballo diante dos tribunais con algún que outro artigo, libro ou peza de teatro que, contrariamente ó que sería o seu soño, nunca acadaban o éxito desexábel. Pero non por iso deixou de escribir.

Ía gañando a vida como avogado laboralista, e pasábao francamente mal cando tiña que defender ós parias da sociedade nun país que el, xa daquela, definía como belicoso e onde as diferencias de clase podían ser abismais, ata que decidiu colgar a toga e dedicarse por enteiro a escribir.

O éxito chegoulle ós 46 anos, cando publicou por entregas unha serie de poemas a modo de epitafios, onde cada finado expresaba o seu parecer sobre a súa andaina entre os vivos, e tal éxito tivo que se publicaron ó ano seguinte (1915) en forma de libro, acadando en catro anos as oitenta edicións.

Son en total 244 epitafios doutos tantos finados criticando a sociedade do momento, falando das súas penas, dos seus medos e ansias, tan acertadamente que se converteu no libro de poemas máis vendido en USA. E aínda así seguro que hai moito trumpista que nunca o leu.

Ó final, cando o autor morreu, en 1950, deixando unha boa cantidade de obra escrita, só era famoso por estes epitafios que finalmente foron adaptados para ser representados en Broadway, a meca do teatro americano.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).