sábado, 10 de maio de 2025

As montañas e a divindade

               


Por ese vello costume de supor que os deuses habitan en estancias celestes, os altares sempre están nalgún lugar alto, e as capelas tamén procuran algún outeiro onde os devotos tratan de aproximarse o máis posíbel a esa suposta morada celestial. Con iso cumpríase coa premisa fundamental de amosarlle ós devotos o difícil que é encontrarse cos divinos seres nos máis altos cumes do mundo. Por certo, un atranco que lle impide ou complica o acceso a anciáns, enfermos e eivados.

Exemplos desta preferencia polos outeiros non faltan, pois se os clásicos nos falan do Olimpo cos seus pazos para Zeus e toda a familia, sen saír da nosa bisbarra temos a santo Alberte, quen herdou dalgún predecesor seu o alto da Conlleira, en Ribeira. Abraham non fixo o seu famoso sacrificio á porta da casa, senón que subiu ó monte Moria, para estar máis preto do seu deus, e o mesmo Moisés tivo que subir ó Sinaí para recibir as ordes divinas gravadas en pedra. Así mesmo, nas igrexas, o altar tamén está nun lugar máis alto, ó que se accede, polo xeral, por un número impar de chanzos, non só para que os fieis vexan o ritual, senón tamén para simbolizar esa aproximación á morada divina.

No monte Carmelo, onde é fama que a Virxe inspirou a un grupo de monxes para fundar a orde dos carmelitas, había un altar dedicado ó deus da Biblia, pero antes, no mesmo lugar rendérase homenaxe ó deus Baal adorado por fenicios e caldeos como deus da fecundidade.

En Petra había que subir mil chanzos de escada para acceder ó lugar onde era máis doado ter contacto coa divindade, e fóra do mundo greco latino tamén maias e aztecas buscaban para o seu contacto cos deuses os lugares máis elevados posíbeis, naturais ou construídos por eles.


Pero cando o acceso ó monte non é doado, ou os crente non están polo labor, entón é a divindade quen baixa a encontrarse cos seus devotos, como cada segundo domingo de maio se celebra no cruceiro de Moldes, na Pobra do Caramiñal.

Segundo a lenda, ante a imposibilidade de pór orde nun grupo de rebeldes e descridos, foi o mesmo Xesús quen baixou dende a Curota para amoestar a aqueles, e no seu paso por Moldes encontrouse con súa nai, quen lle pediu que non fose moi duro co castigo. A lenda é moi coñecida: despois de ver o pouco respecto que os moradores da mítica cidade de Valverde lle prestaban a Xesús, este decidiu castigalos ó estilo do deus do Antigo Testamento, como  en Sodoma e Gomorra, cunha chuvia de lume e pedras que sepultou a cidade no que algúns pensan que hoxe son as dunas de Corrubedo, e cando a Virxe contemplou a magnitude da desgracia, virouse de costas ó mar proclamando con doídas palabras: “Non quero ver tal nin tal ver”. Algún experto en toponimia debería aclararnos se o nome do lugar de Bretal deriva ou non desa frase apocalíptica.

Do que xa non falan as lendas é de se Xesús volveu á súa morada pasando de novo ó lado de súa nai e se, de facelo, ela lle dixo algo, porque como fillo non foi moi obediente que digamos. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

sábado, 3 de maio de 2025

As forzas que moven o mundo

            


Entre o Primeiro de Maio, as deliberacións papais e o apagón do luns, todo son esperanzas e reclamacións, as dúas forzas que moven o mundo.

 Dicíanos Xulio que, aínda que o Vaticano xa non ten lexións nin escuadras para impor o seu criterio, ten influencia na enorme cantidade de fieis que aseguran crer na infalibilidade do Papa, por iso, á espera das primeiras decisións de quen queira que sexa o substituto de Francisco, agardamos por unha persoa con voz clara e rotunda para influír nesas políticas belicistas que, coma no salvaxe Oeste, queren exterminar a todo un pobo armando ós colonos con pistola ó cinto, expropiar minas ou montar industrias para converter os nosos mares nunha enorme cañeira chea de refugallos, sen vida nin esperanza. Que, por certo, a Igrexa, promotora do consumo de peixe en certas datas, ¿nunca ten nada que dicir sobre vedas, artes de pesca ou mesmo Altri?

Por aí andan algunhas expectativas e esperanzas, as primeiras veñen dadas e as segundas creámolas. Á fin, a ilusión é iso que nos dá forza cando nos invade o desánimo, e días claros e negros son incontábeis ó largo do ano. Un simple cable mal pelado pode deixarnos a dúas velas.

Xulio, tan amigo de reducir todo a unha expresión matemática, di que se se puidese aplicar unha fórmula coma a de Newton ou a de Coulomb, os termos para calcular a forza das esperanzas, variarían segundo cada quen, intervindo valores como o espazo ou lugar en que se aplica e a intensidade dos desexos, os cales, por moi fortes que sexan sempre están condicionados, como Xaquín Marín nos ten ensinado tantas veces neste periódico, por un pé disposto a esmagarnos en canto nos erguemos un pouco, aínda que só sexa para demostrar que contra o empuxe das esperanzas sempre está a forza das necesidades, e estas son, case sempre, impostas para facernos sentir o desconsolo da realidade; por exemplo, cando queremos saír de vacacións e sube o prezo da gasolina, cando temos a neveira chea e un apagón bótanos a perder a subministración do mes. Pero, por ser optimistas, os que degustamos tantas veces o bocata de polbo da de Gildo, na Pobra, tamén agardamos que o que se fai no Galimbreo, en Ribeira, sexa recoñecido como se merece, como o mellor bocata do mundo, sobre todo polo ben dos veciños naseiros e con eles das peixeiras, conserveiras e todos os que nos permiten gorentar eses manxares.

Con todo, hai que recoñecer que a forza das esperanzas non deixa de estar rodeada de variábeis que se modifican co tempo ou con un imprevisíbel luns a escuras, e a converten nunha forza débil, ou máis ben delicada e incluso insegura, mentres que a das necesidades, sendo máis propia dos que Cristo definiu como pobres, mansos, ou os que choran e padecen fame e sede de xustiza, é a máis forte de todas, e desgraciadamente tamén a máis inútil, pois é a que nos obriga a saír cada Primeiro de Maio para pedir o de sempre: pan, xustiza e liberdade.

Aí están as forzas que rexen a nosa existencia, sempre compaxinadas nesa acción e reacción que nos explicaba Newton nos primeiros libros de texto que pasaron polas nosas mans.

Francisco Ant. Vidal

( Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).