luns, 24 de maio de 2021

FACENDO O CAMIÑO (14/2)


CASTROJERIZ

Pepe de Rocaforte

 

Albergue municipal de san Esteban (Castrojeriz)

Cando, á hora de abrir, volvemos ó albergue, vanse producir algúns incidentes. Entre os que esperan para entrar coméntase que o local ten sesenta prazas e á porta estamos pouco máis de corenta, así que tranquilos todos, non haberá problema de aloxamento. Pero ó nos poñer en orde de chegada, empeza o alboroto porque dúas mulleres, situadas en cabeza, deberíanse poñer ó final da fila por teren chegado en taxi. Cando van unhas vinte persoas dentro, comunícannos que o albergue só ten trinta e dúas prazas e moita xente deberá ficar fóra. O próximo albergue está en Itero del Castillo, a uns once quilómetros, e vai ti andar once quilómetros ás tres da tarde, cun sol que pega de raio e despois da camiñata que traes ás costas.

Daquela as voces empezan a subir de tono contra os que entraron saltando a orde de chegada, especialmente contra as mulleres que viñeron en taxi. Pola miña parte fíxome en tres brasileiros, un deles o barbudo coa camiseta de “Minas Gerais”, con quen tomei un vaso de viño en Tardajos. Non o vin chegar, pero sei que cando nós deixamos Hontanas, el quedaba sentado nun banco ó lado do albergue e non vín que me pasase diante entre Hontanas e Castrojeriz. E ademais aínda ten o callo de dicir que deixen pasar diante a unha moza loira, tamén brasileira, que está fóra e que el di ser a súa esposa, cando teño case a seguridade de non ser así, porque a viramos camiñando soa, e soa estivera sentada diante do albergue de Hontanas, onde quedaba ó irnos nós.


A moza, con cara de non matar unha mosca, entra no albergue e as protestas aumentan. Ó pouco volve saír, por propia vontade, porque non lle gustou a praza que lle dan, o cal confirma que non é esposa do barbas nin farrapo de gaita. En fin, como a Inma e a min nos dan a antepenúltima e penúltima liteiras dispoñibles, non dicimos nada. Pero os tres brasileiros quédanme filados, especialmente o “Minas Gerais”.

Despois do follón, xa duchados e acomodados, vemos un dos hospitaleiros, que resulta ser da Coruña, un tipo cheo de suficiencia, conversando cun grupo de cataláns sobre os problemas que lle causan os malandríns dos peregrinos. Eu escoito e cando lle oio proclamarse coruñés dígolle que de alí procedemos Inma e mais eu. Mírame cun aire de superioridade condescendente, “¿E de onde sodes? ¿Da Coruña arriba, ou da Coruña abaixo?”, pregúntanos, en castelán, cunha demorada ollada de cabeza a pés.

 Interróganos coma se fósemos uns pailáns pretensiosos que menten coma bellacos para se dar pote de orixe xeográfica. Logo resulta ser do noso mesmo barrio de Monte Alto e ata seica finalmente me recoñece de verme no meu antigo lugar de traballo, o cal faille cambiar de rexistro, como se esta circunstancia me dese a cualidade de persoa máis digna de atención. Ó cabo, cheo dunha amabilidade que non mo vai facer máis simpático, ponse a darnos unha serie de consellos para nos manexar mellor no camiño. Que san Aznar (con retrato no comedor do albergue) llo pague.

Tanto este individuo como o hospitaleiro-xefe, un fulano alto, groso, barbudo e gafotas, moi satisfeito de si mesmo, que debe estar pasmado do guapo, poderoso e intelixente que é cada vez que se mira nun espello, dannos unhas boas leccións sobre a picaresca do camiño. “Resti” (Restituto Gutiérrez), que así se chama o xefe, seica ex-directivo do Real Madrid e non sei cantas cousas máis, está tan posuído da súa sabedoría que ó seu lado o resto dos mortais só debemos oír e calar. A súa filosofía (coincidente coa doutros hospitaleiros cos que xa batemos e cos que bateremos) é a de, por principio, considerar ó peregrino coma un maleante en potencia e así compre tratalo, por se acaso.


Esta mesma tarde dános unha demostración práctica dos seus procedementos. A eso das cinco e media (nós chegaramos ás doce menos cuarto da mañá) aparece á porta do albergue a alemá especialista en bochas que pernoctou con nós en Rabé de las Calzadas. A hora a que chega xa é indicativa do esforzo que debeu realizar para andar tal como trae os pés, un exemplo de tenacidade teutona. A muller pregunta se pode durmir aquí. “Resti”, de mans nos petos, panza para adiante, todo fresco e campechano, respóndelle rideiro: “Non hai prazas”. Ela insiste: “¿E unha colchoneta tirada no chao, en calquera parte?”. El segue sorrindo: “Non”. A moza non sabe que dicir. Ó fin pregunta: “¿Podereime duchar polo menos?” Resti co seu “amable” sorriso barbudo volve á resposta tallante: “Non”. Ela: “Por favor...”. El: “Vai a un hotel”. Ela: “É moi caro para min”. El: “Vai ó albergue próximo”. Ela: “¿Onde está?”. El: “A doce quilómetros”. Prodúcese un longo silencio. Logo a muller vaise sen eu me atrever a interceder por ela.

Cando xa marchou cóntolle ó bondadoso “Resti” o estado en que esa muller trae os pés, pero el córtame: “Entre os peregrinos hai moito mentireiro. Acórdome do ano pasado, un tipo de setenta e sete anos que chegou e lle dei unha liteira das de arriba”. (Entre paréntese: esas liteiras están bastante altas e mesmo a min, que aínda non me considero caduco, me custou bo traballo subir aquela tarde á miña). “O fulano díxome que estaba moi canso, que era vello, e a ver se lla podía cambiar por unha das de abaixo. Respondinlle que non podía ser. ¡Imposible! A distribución de prazas seguía unha orde, a el tocáralle aquela, de xeito que xa o sabía: ou a de arriba ou nada. ¡E non vexas ti con que axilidade trepou ó alto o fulano!”

Creo que, despois deste relato, non se precisan comentarios, pero aínda hai máis, porque o bondadoso “Resti” ten ganas de me contar historias. “Antes chegaba un peregrino e eu saía á rúa a saudalo e darlle un abrazo, ¿que tal estás, peregrino? ¡Ánimo, home! Pero un día chega un e dime: Moi aburrido debes estar aí dentro, cando saes a correr á porta para saudarme nada mais verme aparecer diante. Desde aquela ¡cruz e raia!, non saio a saudar a ninguén. Cumpro as normas inflexiblemente. Non abro ata as tres, ¿para que?, e cando se enchen as prazas aquí non entra máis ninguén, ¿que sei se o que quere entrar non vai roubar algo dos que están dentro? E eu non son un policía para ilo seguindo. Cando chegan algúns e se ven sen praza ata me chaman fillo de puta, ¡na miña propia casa! (outra paréntese: o albergue é de propiedade municipal, cedido por vinte anos). Eu digo: o que fai o camiño que saiba antes o que hai e logo non se queixe. Cando eu paso aquí días enteiros no mes de febreiro sen ver unha alma, ninguén se lembra de me vir compadecer: “Resti”, que só estás. Aquí veño eu a facerche compañía”.


Para mellor demostración aparece unha moza, paréceme que norteamericana,  que ven en bicicleta. “¿Hai prazas libres?” “Non” “¿Podo pasar a ver a casa?” “Non”. A moza, naturalmente, cala e vaise.

Pola noite, no comedor, terei ocasión de ver polas paredes fotos do campechano “Resti” acompañado de varias autoridades, ás que con toda seguridade non lle negou a posibilidade de ver as instalacións. Claro, ó se tratar de políticos, non deben ser maleantes nin xentuza. ¿Ou...?

Quen pola tarde escapou á súa supervisión foi o bilbaíno do pé chagado. Estaba eu na horta escribindo unhas notas, cando apareceu e veuse sentar onda min. “¿Que tal?” “¡Home, e ti?! ¿Atopaches praza?” “Non, collín un cuarto nun hostal, porque non podía andar máis”. “Vaia, ¿e como te deixaron entrar aquí logo?”. “Non había ninguén na porta”. O bondadoso “Resti” debera ir abrevar no bar de enfente e baixara a garda.

(Etapa 15/1)

 

sábado, 22 de maio de 2021

Santo Epitacio de Tui

                     

   

  

Os primeiros bispados, e as distintas dioceses, dannos unha pista da importancia que tiñan no seu tempo como vilas vertebradoras do territorio, pero tamén como foco onde afloraba certo descontento contra o Imperio, onde os líderes de distintos grupos e tendencias trataban de corrixir a orde establecida. Así chegaron ata nós haxiografías de mártires cristiáns investidos dunha aura de pureza cando en moitas ocasións só era a actitude duns revolucionarios teimudos e decididos a romper coa casta, prometendo unha sociedade libre de corruptelas e das prebendas adquiridas por herdanza. E como ninguén dá o que ten e todos queremos o que non temos, o conflicto estaba servido.

O primeiro bispo de cada sede, polo xeral subido á da santidade, viña sendo un dirixente afanado en facer comunidade promovendo un movemento social entre as clases máis humildes, abrazando a esperanza de que lles recoñecesen os dereitos á dignidade contra os grandes terratenentes e as elites que non querían perder os tradicionais privilexios. Quen sabía compaxinar as súas palabras coas leis e normas vixentes podía vivir tranquilo e estender a súa mensaxe, quen trataba de acelerar a consecución do seu ideario acababa no cadafalso. Logo, os escritores medievais lavarán a cara dunha Igrexa herdeira da nobreza romana, que non do ideario dos mártires, falando de inspiración divina e fe cega, de xente pacífica, mal comprendida e asoballada.

Un destes predicadores foi Epitacio de Tui, primeiro bispo desta cidade que acabou pagando co martirio polas súas ideas, un vinte e tres de maio durante o reinado de Nerón, segundo nos conta en 1645 o licenciado Iván de Tamayo Salaçar. A súa vida e obra queda, como a de tantos mártires, envolta nunha aureola de misterio, máis aínda porque esa primeira biografía foi feita máis de mil cincocentos anos despois da súa morte.

Segundo o licenciado Tamayo, Epitacio era de ascendencia grega e vivía en Ambrosia, na actual Plasencia, cando escoitou a Pedro de Rates, primeiro bispo de Braga, predicar o cristianismo, e tanto gustou do discurso do bracarense que se presentou a el para ser o seu discípulo e aprender os principios desa nova relixión, con tanto celo e convencemento que o seu mestre acabou por propoñelo para ir a Tui, onde había moitos gregos, descendentes segundo a lenda daquel Diómedes, guerreiro troiano, fillo de Tideo, rei de Etolia, que alí fundou unha cidade en honor de seu pai. É tanto o éxito acadado por Epitacio cos seus discursos e exemplos, que os tudenses acolléronse masivamente ó bautismo. Ante tal logro os seus superiores non dubidan en mandalo á súa Ambrosia natal, onde moran moitos amigos e familiares seus a quen, seguramente, lle será moito máis doado de convencer. Pero xa se sabe, ninguén é profeta na súa terra. Os ambrosianos non lle fan moito caso, el extrema o discurso e as autoridades civís e militares deciden prendelo, a el e ós seus seguidores, a fin de evitar esa revolución social contra a tradición do Imperio que propoñen, acusándoos de insurrectos e alborotadores.

Aínda na cadea, entre tortura e tortura, Epitacio asiste coa súa palabra ós compañeiros detidos e incluso convence a algúns dos carcereiros das verdades que el predica, sen perder a afouteza ata a morte.

Santo Epitacio é un deses santos esquecidos a quen ninguén lle reza, e a verdade é que sería un bo avogoso dos presidentes das comunidades e das asociacións de veciños.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).