luns, 31 de maio de 2021

FACENDO O CAMIÑO (15/1)

 DE CASTROJERIZ A FRÓMISTA

Por Pepe de Rocaforte

 



A eso da media tarde do mesmo día 30 de maio en Castrojeriz imos dar unha volta polas igrexas da vila. Na porta do albergue está “Resti”, o hospitaleiro, ollando para os biosbardos. Dígolle que lle imos botar un vistazo á colexiata da “Virgen del Manzano”, e el, cheo dunha incrible amabilidade, recoméndanos achegarnos tamén á igrexa de San Xoán e mirarmos por unha fírgoa entre as táboas que ocultan a visión do claustro, non visitable, pero seica cousa digna de admirar.

Xa botamos a andar, cando me chama outra vez: “Oe, Pepe, aquela alemá que estivera contigo no albergue de Rabé de las Calzadas non debía ter tan mal os pés. Vina hai un pouco aí ó lado falando con outros peregrinos e aínda seguía coas botas de andar postas, coma se tal cousa”. Non considerei que pagase a pena responder.


Na igrexa de Santo Domingo atopámonos cun individuo a quen supoño o sancristán, un fulano co xenuíno aspecto castellano-garbancero tan repetido por estas vilas e aldeas. Semella algo simple, cun sorriso a medio abrir, cando se achega a nos dicir non sei o que. Marichu, a nosa informadora oficial, cóntanos que ese fulano seica é unha especie de saludador. Eles vírono nunha cerimonia diante do altar da igrexa, coa que esconxuraba, ou lle quitaba os malos espíritos, ou vai ti saber o que lle facía, a unha muller do lugar. Non sei se para eso conta co beneplácito do crego. Ó mellor si.

E como axiña chegará a hora da cea, aquí poño fin ó relato desta atarefada etapa.

 

31 de maio – Como case sempre, empeza a abrir o día cando deixamos Castrojeriz ás nosas costas. Está unha mañá fresquísima, pero axiña empezamos a entrar en calor nas primeiras ramplas da costa de Mostelares. A medida que subimos o val ábrese ás nosas costas e na distancia, desde a cabeceira de Castrojeriz que o controla apolicado no seu outeiro, ofrécensenos en toda a súa beleza austera, verde aínda de trigos sen madurar, pequenas agrupacións de casiñas perdidas na chaira aínda coas luces pouco definidas do abrente.

Ó chegarmos ó alto un aire aínda máis fresco anímanos a marcha. Canta o paspallás nas trigueiras estendidas polo altiplano, o silencio resaltado polo seu canto e polo zunir maino do vento. Iniciamos logo unha baixada violenta para, ó seu remate, vernos de novo noutra chaira, esas planicies do norte de Castela, cunha nudez que te pon en relación íntima contigo mesmo.

O día afírmase, continuamos en soidade e na distancia perfílanse, a cada paso máis nítidos, os conglomerados de pequenos conxuntos urbanos medio disimulados nas ondulacións da chaira. Diante nosa unha liña de árbores anuncia a presencia do Pisuerga, aínda descoñecedor de que deberá pasar por Valladolid para que alguén aproveite a circunstancia e largue unha parida.

Á beira do río unha pequena ermida, restaurada e convertida en refuxio de peregrinos da cal máis tarde un madrileño cun ollo un chisco revirado, de quen agora non lembro o nome, contaranos que durmiu aquí a noite pasada ó non atopar praza no albergue de Castrojeriz e foi obxecto dunha cerimonia de recepción que seica lle fan a canto peregrino chega. A cousa consiste en lle lavar un pé –o outro que o lave el se quere–. O local está rexentado por unha asociación italiana e disque acaba de abrir. A min particularmente o do lavado do pé resúltame desagradable. Ó madrileño parécelle un detalle bonito, evanxélico e tal.


Pasada a ponte sobre o Pisuerga, chegamos pola beira do río a Itero de la Vega, que aínda non se espreguizou do repouso nocturno. Por esta parte medra unha lixeira brétema que difumina a paisaxe ata convertela nun mundo suavemente irreal. Continuamos a marcha ata Boadilla del Camino, onde uns peregrinos franceses que se retratan diante do rollo, ou pelouriño, gótico da localidade, dinnos que se queremos tomar un bo almorzo nun lugar precioso, podémolo facer nun albergue rural alí ó lado, do cal xa nos falaran José Mari e Marichu, que pensan pasar nel esta noite. Facémoslle caso ós franceses e ímonos repoñer cun delicioso almorzo no albergue para, logo dun pequeno descanso reparador, volvermos ó camiño.

Algo máis adiante, sobrepasada Boadilla, o paseo faise un pouco máis onírico ou marabilloso, todo pola beira da Canal de Castilla. O sol matinal vai dando un pulo cara ó alto do ceu. Cantan unha morea de paxaros de mil castes descoñecidas para min; no medio dos cales chámame a atención un canto que sae de entre as plantas acuáticas do borde da auga. Empeza con algo así coma o croar dunha ra, mesturado con algo do cuac-cuac dun pato, para rematar nun chiu-chiu-chiu un tanto desconcertante. O máis probable será que se trate de patos e para fortalecer esta suposición vemos aparecer por entre as espadanas unha rolada de patiños negros de tamaño minúsculo nadando apresurados ata o medio da canal, nun deses cadros familiares entenrecedores estilo debuxos animados de Disney.

Remata a compaña da Canal de Castilla nunhas esclusas pétreas á entrada de Frómista, onde paramos para admirar unha vez máis a igrexa de San Martín. Por aquelo de levar un recordo desta localidade na nosa credencial de peregrinos, preguntamos onde nos poden poñer o carimbo nos carnés. O informador dinos que a igrexa aínda esta pechada e que é unha pena marchar sen visitala. Segundo el deberiamos quedar a durmir aquí porque hai moitas cousas moi interesantes para ver. Tranquilizámolo dicíndolle que xa coñecemos a vila e os seus monumentos doutra ocasión, hai tres ou catro anos, que estivemos aquí. Entón dinos que daquela se queremos selar a credencial pódennolo facer no estanco-supermercado que hai nunha rúa algo máis arriba da igrexa de San Martín.


Alá vou eu, mentres Inma fica a tomar un descanso no adro da igrexa. E na tenda atópome coa sorpresa de encontrar a Jaime, Luís e Fernando, quen me informan de que pasaron a noite en Hontanas, xunto con Pepe e Benito, e se adiantaron nun taxi porque mercaron un año e quéreno cociñar aquí. Non me animo a aceptar a súa invitación de ficarmos a xantar con eles e para xustificarme explícolle que un dos hospitaleiros de Castrojeriz me estivera aconsellando sobre diversas cuestións do camiño e unha das cousas que me dixera fora que, para non me atopar con problemas de falla de prazas nos albergues, en lugar de parar nos indicados nas guías como final de etapa, buscase os situados en tramos intermedios, onde paraba moita menos xente e non teriamos problemas. Polo tanto iamos seguir ata Población de Campos.

A tal oír, a encargada do supermercado saltou indignada, a dicir que en Castrojeriz e Boadilla del Camino estaban empeñados en facer unha campaña contra Frómista para que non parasen alí os peregrinos, cando é cousa sabida que o albergue de Frómista é o mellor de todo o Camiño. Tratei de lle explicar que o que eu dicía non ía por aí, pero Jaime, ó lle preguntar pola hora de apertura e a cociña do albergue, descobre que aquí non teñen cociña. “¿E logo como di que é o mellor albergue do Camiño? Se non teñen cociña nós tampouco pararemos en Frómista”.

Deixo a Jaime, Luís e Fernando liados nunha controversia coa estanqueira de Frómista e, xa cuñados os carnés, volvo xunto a Inma para proseguirmos a marcha, agradecéndolle ós compañeiros de ruta o convite a xantar o año con eles, pero xustifícome dicindo que queremos  aumentar un pouco o ritmo de marcha porque senón imos chegar a Compostela para o ano que vén.

(Etapa15/2)

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario