sábado, 18 de novembro de 2023

Mirando un cadro

 

 

 Unha mancha de cor no medio dunha imaxe monocromática obriga a que a mirada se nos vaia a es punto do cadro deixando ó resto como unha envolvente. Ese é un dos moitos trucos que un artista usa para centrar a mirada do observador no que el desexa resaltar. Nun retrato sempre está a mirada dun personaxe provocando a nosa atención, uns beizos sorrindo cun intenso vermello ou unha perla nunha orella. Algo que atrae a nosa mirada e nos abre a porta pola que chegar á mensaxe alí exposta.

A principios do verán publicouse o resultado dun estudio realizado en xaneiro deste ano, para comprobar a que lle dedicamos máis tempo cando miramos un cadro. O experimento fíxose entre un grupo de cincuenta e dous voluntarios fronte a O xardín das delicias, do Bosco, mentres visitaban o Museo do Prado.

O citado cadro é un tríptico no que, cando as dúas táboas laterais se cerran sobre a central vese unha especie de globo terráqueo que se interpreta como a representación do terceiro día da creación, xa que se ben nel hai plantas non hai animais nin persoas; e ó abrilo, na táboa central cargada de figuras espidas e plantas exuberantes, entre as que as persoas se dedican a desfrutar dos praceres, represéntase a luxuria. Na da esquerda hai unha bucólica escena do Paraíso e no panel da dereita amósase unha visión do Inferno.

Era de supor que o máis atraínte para a mirada do observador sería o panel central, non só por estar no medio, de fronte a nós, senón tamén pola variedade de escenas pintadas en tonalidades máis luminosas, como as da táboa que recrea o Paraíso, e sen embargo a xente ficaba máis engaiolada do panel onde se representa o Inferno, co que podemos concluír que o tétrico e o morboso atrae máis que o fermoso e amábel. Só lle poño unha pexa a esta obra, que no Inferno se sitúe, ben á vista, unha gaita, como se ela fose causa dalgún mal.

No noso Pórtico da Gloria, ademais do pícaro sorriso de Daniel, o que máis interpretacións nos ofrece son as escenas dos condenados, e aí confirmo como persoas con certa preparación no que á observación artística se refire, fican máis tempo fronte a este tipo de imaxes ca fronte outras menos escabrosas.


As persoas participantes no experimento do Museo do Prado, de idades entre os dez e os setenta anos, foron dotadas dunhas gafas con sensores para rexistrar a onde miraban, canto se dilataba a pupila durante esa observación e canto tempo duraba a mesma. Ó final demostrouse que mirando ó panel do Inferno a xente ficaba, de media, algo máis de 33 segundos, mentres que a táboa central só os ocupaba 26 e a do Paraíso uns escasos 16 segundos.

¿Que ten, daquela, o Inferno que tanto atrae? Unhas escenas moito máis escuras que as outras, cargadas de seres torturados, maltratados, onde só o demo ousa mirar de fronte ó espectador, mentres o resto de condenados fican tristes, martirizados por seres monstruosos. As mesmas paisaxes e escenarios de guerra que estes días invaden os noticiarios obrígannos a repudiar tanta desfeita e infortunio, pero sen deixar de mirar o espectáculo deses desastres televisados que opera sobre nós un triste e malsán detemento.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

xoves, 16 de novembro de 2023

RECORDANDO A CAMUS

Por Pepe de Rocaforte

          

Había tempo que non lle botaba unha ollada á obra de Camus, así que hoxe collín “A peste” en busca, máis que nada, dunha personaxe que desde a primeira lectura me resultara curiosa. Refírome a Joseph Grand, empregado do concello de Orán, home duns cincuenta anos, alto, servicial, de lombo arqueado, cun bigote amarelo, quen á parte do seu labor no municipio, ocúpase en diversas tarefas, entre elas un traballo no Servizo de Estadísticas do Goberno Civil, e mantén unha boa relación co Doutor Bernard Rieux, narrador da historia.

             A vida de Joseph Grand era sinxela: casara moi novo cunha rapaza pobre do seu barrio e o casamento obrigárao a se poñer a traballar, impedíndolle proseguir os estudos.  Pasaron os anos e co tempo o amor foi esmorecendo, arredor da parella o porvir cerrábase lentamente. Un día a muller marchou. «Quíxente moito, pero xa estou cansada...» E foise con outro. Nas súas noites inacabables, sentado na cociña da casa, Grand empezou a escribir. Un día fíxolle unha confidencia ó doutor Rieux. Díxolle: Mire vostede, doutor, para escribir é bastante fácil escoller entre e e mais. Pero xa é máis difícil decidirse entre e e despois. Pero seguramente a complicación aumenta canto máis se mira. Eu quero que cando o meu manuscrito chegue ás mans do editor, este se levante despois de o ler e lle diga ós seus colaboradores: «señores, hai que se quitar o sombreiro», e para eso necesítase tempo e paciencia.

            O traballo máis duro para Grand empezaba xa co primeiro parágrafo do texto. E tanto debía pensar nel que un día recitoullo a Rieux: «Nunha fermosa mañá do mes de maio, unha elegante amazona recorría nunha soberbia egua alazana, as avenidas floridas do Bosque de Bolonia». Aquelo só era unha aproximación, tíñao que mellorar.

            “¿Como vai a amazona?”, preguntáballe a veces Rieux. E Grand respondíalle sempre: “trotando, trotando”. Unha tarde díxolle que refugara definitivamente o adxectivo elegante para utilizar esvelta. “É máis correcto”. Outro día explicoulle que modificara a primeira frase do libro: «Nunha fermosa mañá de maio, unha esvelta amazona, montada nunha soberbia egua alazana, recorría as avenidas floridas do Bosque de Bolonia». “Así vese mellor, ¿non si? Preferín nunha mañá de maio, porque o mes de maio alargaba un pouco o trote.

   

      Despois sentiuse preocupado polo adxectivo soberbia. Non expresaba bastante. Opulenta tampouco servía. Era concreta, pero resultaba pexorativo. Por uns momentos tentárao relucente, pero tampouco era eso. Unha tarde anuncioulle triunfalmente ó seu compañeiro de conversas que o encontrara: ¡unha negra egua alazana!, ó que Rieux lle puxo unha pega: alazana non indica a raza, senón a cor. Grand agradeceulle a información. “Pero xa ve vostede o difícil que é”. “¿E que tal quedaría suntuosa?, preguntou Tarrou, outro dos frecuentes acompañantes de Grand e o doutor Rieux. Grand aceptou a proposta, pero logo dixo que a palabra florida non cadraba ben e fixérao substituír floridas por cheas de flores.

       En fin, refiro esta historia sacada de “A peste” porque me fixo pensar nos escritores que non paran de lle dar voltas e voltas ó que escriben, pulilo, cepillalo, poñelo do dereito e do revés, para arriba ou para abaixo, porque en realidade carecen de algo verdadeiramente interesante que escribir (admito que a min tamén, por desgracia, me sucede outro tanto). Pero, pregúntome: nun caso así ¿non sería mellor calar?, ¿deixar de facer algo que non lle interesa a ninguén?

            E xa posto a eso rematarei, para quen me seguiu ata aquí, a historia de Joseph Grand, a quen a peste levou á cama, contaxiado polo mal. O doutor Rieux e outro compañeiro fórono ver e Grand aproveitou para lle pedir ó doutor que lle traia un manuscrito que ten gardado nun caixón e faga o favor de o ler. É un texto de poucas páxinas, Rieux folléao e ve que só ten a frase xa coñecida da amazona e o Bosque de Bolonia, repetida unha e outra vez, a cada paso cunha nova variante. Na última páxina, coa tinta aínda fresca, lese: “Miña querida Jeanne, hoxe é Nadal”.

            Grand colleu o manuscrito da man de Rieux, apértouno contra o peito e devolveullo: ¡Quéimeo!, pídelle.

            Este non é o final-final, pero se vostede o quere coñecer, xa ve onde o ten.