sábado, 19 de outubro de 2024

Valera e o galego

 

Estes días andan as letras hispanas de celebración co bicentenario do nacemento do escritor e diplomático Juan Valera (18/X). Un intelectual que ocupou varias embaixadas, pero talvez fose a súa estancia en Lisboa a que lle deu un amplo coñecemento sobre a literatura portuguesa. El e Murguía podían ser amigos, á fin, ambos eran dun tempo, eran de tendencia liberal e gustaban da literatura e da historia, pero o cordobés era amigo da Pardo-Bazán, e iso, para o Patriarca era algo difícil de asumir.

En 1896, este escritor e diplomático, fíxose eco, na Revista Crítica de Historia y Literatura, do libro do Padre Blanco García, La literatura española en el siglo XIX, e ó referirse ó galego vén dicir algo así como que só serve para escribir cousas graciosas pero sen sustancia, e iso ó grupo de galeguistas que se reunían na Cova Céltica, non lles gustou. Podían pasar por alto que se lle chamase dialecto ó galego ou que o noso idioma só sobreviviría se se arrimaba ó portugués, de feito, cinco anos antes, en Tui, Murguía xa dixera que o portugués era o exemplo vivo do que puido chegar a ser o galego se non se corrompese con voces e xiros casteláns, pero non podían permitir que se dixese que só servía para falar entre os paisanos menos cultos da sociedade. E como o Patriarca era deses ós que non lle para o pan no corpo, o 15 de agosto dese ano, replicoulle a través de La Voz de Galicia.


A Murguía doeulle a discriminación que se facía con respecto a outras linguas do Estado así como non recoñecer o Rexurdimento, do que el era un dos seus principais impulsores, e pon como exemplo da importancia do idioma o Divino Sainete de Curros ou citando sen nomear a Rosalía, dado o alto sentido poético de ambos. Non admite que o noso idioma só sirva para facer poesía idílica, popular e pouco seria, ou que os poetas galegos só usan unha xerga inventada por eles. A réplica de Murguía céntrase en reprobarlle que desprece os éxitos da escrita para reducilos ó mínimo posíbel, ou que, cando os houbo, só fosen, segundo a opinión do diplomático, froito da casualidade, fortuítos e inmerecidos por faltarlle a este idioma unha literatura culta. Murguía, tras poñerlle exemplos de escritores que usaron o galego incluso nos chamados séculos escuros, acaba por dicirlle que o que realmente necesita un idioma para manterse é uso, e con iso vén todo o demais. Así, referíndose ós poetas, di Murguía que para expresarse de maneira moderna, houberon de abandonar o artificial dunha lingua que non lles é propia, onde só cobraba valor o rumor das palabras, para acollerse ó máis sincero e sentimental, como é a lingua materna.

Por desgraza aínda hai persoas que seguen pensando como Valera.

Tras o artigo de Murguía, o cordobés replicaralle neste mesmo xornal, dez días máis tarde, facendo fincapé nos mesmos argumentos e insistindo en que aprecia o galego cando toca temas “cándidos y sencillos”, pero non cando se mete en temas profundos porque, ó seu entender, iso ameaza a unidade nacional. O diplomático aducía que, coma en Babel, os idiomas separan. Non tiña en conta que en Pentecostes os apóstolos recibiron o don das linguas. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

sábado, 12 de outubro de 2024

Santo Olaf

 


Se hai un santo ó que nunca lle rezaremos, ese é santo Olaf, quen ademais de santo foi rei de Noruega, pero deixou moi mal recordo entre os galegos, cando quixo remontar o Miño para facerse coas riquezas dos conventos do interior, destruíndo ó seu paso a cidade de Tui e a súa catedral, secuestrou, matou e esfolou a todos cantos se lle puxeron diante, e, finalmente, un 16 de outubro, estando na corte do duque Ricardo de Normandía, aceptou o bautismo e obrigou ós seus súbditos a facer outro tanto.

Olaf Haraldsson, moitas veces confundido co seu colega e sogro, o sueco Olaf Skötkonung, xa embarcara como pirata viquingo cando tiña once anos, percorreu as costas europeas e cóntase, nalgunha das sagas que lembran as súas fazañas, como en certa ocasión, cando aínda era devoto de Odín, tras asaltar as aldeas que asentaban nas costas dun estreito fiorde, ó querer saír encontrouse co paso cortado na boca do mesmo, por grandes pedras que os nativos puxeran para evitarlle a fuxida, e entón el, invocando ós seus deuses, pediu que subise a marea para poder salvar os obstáculos, o que os seus devotos comparan co paso de Moisés polo mar Vermello. Noutra ocasión, cando soubo que a súa adega quedara baleira, mandou encher os bocois de auga e estes, ó momento, convertérona en cervexa.

O que si é certo é que Olaf molestouse moito por aprender do cristianismo, non só os seus mitos senón tamén a organización dos reinos cristiáns, e así se conta da ocasión en que viaxando polo Mediterráneo se lle apareceu en soños un tipo barbudo e rodeado dunha luminosa aura que lle aconsellou volver a Noruega para ser rei. E foi daquela cando, de regreso, parou no ducado de Normandía e se bautizou.

Buscando a unificación con Suecia, decidiu dirimir co rei, seu futuro sogro, mediante unha partida de dados, a quen lle pertencía o territorio. Aquel axitou o gobelete e saíronlle dous seises, entón o noruegués, invocando ó deus cristián, lanzou os seus e milagrosamente un dos dados partiu, saíndo, no enteiro un seis e no roto un seis nun dos anacos e un un no outro. Logo todo se amañou cunha voda.


Como é propio das haxiografías, son moitos os milagres e portentos que rodean a súa vida, como o acontecido no momento de morrer, cando se escureceu o ceo e houbo unha terrorífica tormenta; e iso foi durante a batalla de Stiklestad, no 1030, onde morreu invocando á divindade cristiá; e contan que un cego que por alí andaba, o lavar os seus ollos co sangue do finado, recuperou a vista.

Dada a traxectoria deste santo, é de supoñer que o seu cristianismo se fundamentaba máis en atar en corto ós seus súbditos, a quen ameazou con executalos ou mutilalos se non se bautizaban e cumprían coas leis dos bispos, polo que, ó ano de morrer, no 1031, foi canonizado e a súa tumba converteuse nun lugar de peregrinación.

Aínda así, e a pesares de que en Cavarrubias (Burgos), lle erixiron no 2011 a única capela da península dedicada a el, en Galicia non coñezo ningunha imaxe súa, en ningunha igrexa, ermida ou catedral, e é que, por moi santo que sexa, tiña moi malas pulgas e non deixou moi bo recordo entre nós.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).