Amosando publicacións coa etiqueta Historia e literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Historia e literatura. Amosar todas as publicacións

sábado, 19 de outubro de 2024

Valera e o galego

 

Estes días andan as letras hispanas de celebración co bicentenario do nacemento do escritor e diplomático Juan Valera (18/X). Un intelectual que ocupou varias embaixadas, pero talvez fose a súa estancia en Lisboa a que lle deu un amplo coñecemento sobre a literatura portuguesa. El e Murguía podían ser amigos, á fin, ambos eran dun tempo, eran de tendencia liberal e gustaban da literatura e da historia, pero o cordobés era amigo da Pardo-Bazán, e iso, para o Patriarca era algo difícil de asumir.

En 1896, este escritor e diplomático, fíxose eco, na Revista Crítica de Historia y Literatura, do libro do Padre Blanco García, La literatura española en el siglo XIX, e ó referirse ó galego vén dicir algo así como que só serve para escribir cousas graciosas pero sen sustancia, e iso ó grupo de galeguistas que se reunían na Cova Céltica, non lles gustou. Podían pasar por alto que se lle chamase dialecto ó galego ou que o noso idioma só sobreviviría se se arrimaba ó portugués, de feito, cinco anos antes, en Tui, Murguía xa dixera que o portugués era o exemplo vivo do que puido chegar a ser o galego se non se corrompese con voces e xiros casteláns, pero non podían permitir que se dixese que só servía para falar entre os paisanos menos cultos da sociedade. E como o Patriarca era deses ós que non lle para o pan no corpo, o 15 de agosto dese ano, replicoulle a través de La Voz de Galicia.


A Murguía doeulle a discriminación que se facía con respecto a outras linguas do Estado así como non recoñecer o Rexurdimento, do que el era un dos seus principais impulsores, e pon como exemplo da importancia do idioma o Divino Sainete de Curros ou citando sen nomear a Rosalía, dado o alto sentido poético de ambos. Non admite que o noso idioma só sirva para facer poesía idílica, popular e pouco seria, ou que os poetas galegos só usan unha xerga inventada por eles. A réplica de Murguía céntrase en reprobarlle que desprece os éxitos da escrita para reducilos ó mínimo posíbel, ou que, cando os houbo, só fosen, segundo a opinión do diplomático, froito da casualidade, fortuítos e inmerecidos por faltarlle a este idioma unha literatura culta. Murguía, tras poñerlle exemplos de escritores que usaron o galego incluso nos chamados séculos escuros, acaba por dicirlle que o que realmente necesita un idioma para manterse é uso, e con iso vén todo o demais. Así, referíndose ós poetas, di Murguía que para expresarse de maneira moderna, houberon de abandonar o artificial dunha lingua que non lles é propia, onde só cobraba valor o rumor das palabras, para acollerse ó máis sincero e sentimental, como é a lingua materna.

Por desgraza aínda hai persoas que seguen pensando como Valera.

Tras o artigo de Murguía, o cordobés replicaralle neste mesmo xornal, dez días máis tarde, facendo fincapé nos mesmos argumentos e insistindo en que aprecia o galego cando toca temas “cándidos y sencillos”, pero non cando se mete en temas profundos porque, ó seu entender, iso ameaza a unidade nacional. O diplomático aducía que, coma en Babel, os idiomas separan. Non tiña en conta que en Pentecostes os apóstolos recibiron o don das linguas. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

sábado, 14 de outubro de 2023

O casal Murguía—Rosalía


É mágoa que o matrimonio máis egrexio das nosas letras, a pesares da demostrada fecundidade, con sete fillos, non tivese, que se saiba, ningún neto que continuase a estirpe familiar.

Murguía e Rosalía coñecéronse nun dos parladoiros que el tiña por costume visitar en Madrid, o da casa de dona Carme Lugín, curmá da nai de Rosalía, onde en 1856 se hospedaron coa esperanza de que a rapaza probara na capital as súas dotes como actriz. E neses seráns, ós que acudían, entre outros, os irmáns Bécquer ou Eduardo Chao, quen no futuro será ministro da Primeira República, diante de todo o auditorio, a santiaguesa atreveuse a ler uns poemas que a selecta audiencia aplaudiu afervoadamente, animándoa a publicalos baixo o título de La Flor, ó que Murguía lle fai unha amable reseña no xornal La Iberia, en maio de 1857, baixo o título, La Flor, Poesías de la señorita Rosalía de Castro, onde non escamotea eloxios, pero tamén, pretendendo amosarse como un crítico imparcial, asegura que non coñece a autora; aínda que se dá por seguro que o amigo e poeta Aureliano Aguirre xa lle tería falado dela. O caso é que cando a parella comeza a mocear, el non dubida en pregoalo por carta ou de viva voz a todos os seus coñecidos e familiares, algo que lle causa a seu pai un profundo desgusto, pois o rapaz, que ía para estudiar farmacia, abandona definitivamente os estudios, dedícase a escribir e pretende casar sen a conformidade paterna.

Rosalía era unha muller alta para o seu tempo e el moi baixiño, ela vestía sen enfeites e el sempre moi pulcro; pero se na aparencia física non encaixaban si o facían no común amor polas letras, e da atracción que ambos sentiron nalgún momento, cremos atopar unha pista nun dos poemas do libro En Prosa, que Murguia publica despois de morta a súa esposa, poemas prosaicos que el fora escribindo ó largo dos anos, e onde, sen dar nomes, tras narrar unha escena de namoramento en que a moza lle pide ó namorado que lle bote o abrigo polos ombros, remata: Mas vi que alguno se puso más blanco que ella. Y creí en mi triunfo. ¿Sería que a poetiza tiña máis pretendentes pero preferiuno a el?

Como queira que sexa, tivo que ser un moceo curto, porque o 10 de outubro de 1858 a parella casa en Madrid, na igrexa de santo Ildefonso, cando o lóxico sería que, sendo os dous de Santiago, viñesen casar a onde estaba a familia. O enfado do pai de Murguía era tal, que cando lles nace Alexandra, a primeira filla, o 12 de maio de 1859, en Santiago, os pais do Patriarca non asisten ó bautizo da neta e vai como padriño Alexandre Chao.


Pero os avós non tardaron en facer as paces e consérvanse cartas de don Xoán con Alexandra. Asemade, sempre se falou da soidade de Rosalía ou de se Murguía era moi mullereiro, o certo é que o matrimonio, a pesar de ter pasado por moitos altibaixos, mantívose fiel e chegou a ter sete fillos que, como xa dixemos, non deixaron descendencia. Sen embargo corre por aí unha lenda segundo a cal había un neno, chamado Xaime, fillo de Ovidio e dunha moza madrileña, nacido despois de morto o pintor.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


venres, 15 de setembro de 2023

Don Ramón del Valle e Murguía


Con motivo do centenario do pasamento de Murguía acercámonos a don Ramón del Valle Bermúdez, pai de Valle-Inclán, periodista, laureado poeta, historiador e político, que foi amigo e estreito colaborador do Patriarca, segundo se nos revela polas moitas cartas que se intercambiaron, nas que este non dubida en pedirlle información sobre diversos monumentos, dunha e doutra banda da ría; un amigo con quen compartía tanto o gusto pola poesía como pola historia, e nalgún momento tamén por asuntos de política. Unha amizade que se manifesta, incluso tras o seu pasamento, con motivo da edición de Femeninas (1895), coa que Valle-Inclán se dá a coñecer como escritor cinco anos despois da morte de seu pai, a quen Murguía lembra no prólogo da citada novela: “la grande, la estrecha amistad que nos unió a su padre”. Un carteo que logo había de seguir co seu fillo, con Valle-Inclán, quen, en 1913, con motivo da homenaxe que lle ofrecen ó Cronista do Reino de Galicia, para celebrar o seu oitenta aniversario, envíalle unha extensa nota de felicitación: “mi saludo de admiración, de afecto y de respecto al patriarca de las Letras castellanas, al que siempre tuve por maestro”.

Son coñecidas as cartas que don Ramón del Valle lle manda, pois están recollidas en distintas edicións, e de entre elas resaltamos as tres enviadas no mes de setembro de 1866 onde aporta importantes datos sobre o megalitismo de Barbanza, empezando pola enviada o día 7, en que, tras queixarse da moita chuvia que caeu por estas terras durante os primeiros días do mes, impedíndolle facer algunha excursión que tiña programado; si puido levar a cabo un descubrimento de grande interese para a historia de Galicia: o dolmen de Axeitos, informándoo de quen é o propietario do terreo onde se atopa e o uso que este lle dá como secadoiro de fabas no teito e de esterqueira no interior, así como das lendas que hai arredor do mesmo, que os veciños coñecían como a casa do mouro, e temendo que algún desalmado, levado pola cobiza o destrúa na procura do tesouro que, tal e como asegura unha lenda, agocha o suposto mouro no seu interior.


Na citada carta tamén o informa sobre a situación do monumento, en leguas de distancia dende os puntos máis recoñecidos da bisbarra, e das medidas en cuartas, do propio dolmen, detalladamente descrito.

Temos presente que o sistema métrico fora implantado o 19 de xullo de 1849, co que aínda non debía ser de dominio xeral falar de metros e centímetros.

O día 22 dese mesmo mes e ano, entre amables palabras dálle conta da lenda de Valverde entroncada co lendario asedio de Carlomagno á mítica cidade, así como dun grupo de pedras que el interpreta como unha enfilación de  menhires no lugar de Balteiro, cuxas medidas lle enviará o 29 dese mes, empregando por primeira vez os milímetros, para dar conta da escala que usa no bosquexo que lle envía de “un milímetro por cada nueve pulgadas, o sea, cuatro milímetros por vara (sic)”.

No mesmo ano, pero xa a finais de novembro, parece ser que Murguía lle anuncia o propósito de facer unha excursión por terras de Vilagarcía onde por eses días está don Ramón con motivo do nacemento do seu fillo, pero en cartas posteriores non temos noticia de que se levase a cabo, como tampouco a temos de se se acercou nalgún momento pola Barbanza, a pesares dos moitos artigos e referencias que na súa obra fai sobre estas terras.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado no suplemento especial Nazareno-23 de la Voz de Galicia na edición de Barbanza).