Por
Pepe de Rocaforte
Xa van alá case doce anos desde que
nos deixou o poeta a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Xa
non volverán aquelas tertulias do desaparecido “Kirs” na rúa Real da Coruña,
onde gozabamos coa súa palabra repousada e o seu ollar pillabán mentres nos
refería tantas e tantas historias de tanta xente como coñeceu ó longo da súa
vida.
E con este recordo venme á cabeza o
inicio dunha canción de José Afonso , a primeira persoa gracias a quen empecei a amar
Portugal. Da xestación desta peza, “Río Largo de Profundis”, circulan diversas
versións máis ou menos aproximadas á realidade. Agora “voulles contar a
verdade” segundo ma acaba de referir Saleta, a muller do Manuel.
É o caso que nos tempos en que
Manuel María exercía como procurador en Monforte, tiña algúns clientes de alá
da parte de Sober, pola Ribeira Sacra, e de vez en cando algún deles
obsequiábao cunha botella de augardente do país.
Tamén por aquela época viña a
Galicia con certa frecuencia o escritor e xornalista portugués Jose Viale
Moutinho, quen cando pasaba por Monforte non deixaba de lle facer unha visita a
Saleta e Manuel. Nunha destas visitas o poeta regaloulle ó xornalista unha
daquelas botellas que recibía de vez en cando. Viale, de volta no Porto, cadrou
de se reunir co Zeca Afonso e para celebrar a xuntanza, botaron man da augardente
traída de Monforte.
Entre cantos e festas, grolo vai e
grolo vén, cando se decataron na botella non quedaba pinga de caña. ¿Nin pisca?
¡Nin pisca! Entón José Afonso empezou a improvisar: “a garrafa vacía de Manuel
María. De Manuel María, de Manuel María...” Así foi a cousa e así nacería a
peza que forma parte do disco “Venham mais cinco”.
Só
me quedaría confirmar con Viale Moutinho se a “garrafa” era unha botella normal
de tres cuartos de litro, como sospeito eu, ou, como me conta Saleta, un garrafón
de catro litros, que xa me parece moito pifar de Deus Noso Señor. Pero de Viale
desde que se xubilou e marchou para a illa de Madeira, ó seu Funchal nativo,
non dispoño do seu enderezo e ben que o sinto.
Agora, para o improbable caso de
haber vida despois da vida, gústame imaxinar un encontro de Manuel María e José
Afonso nun Walhalla de bardos e troveiros bebedores cantando a dúo “Rio Largo
de Profundis”, acompañados por un coro goliardesco cunha música ó estilo da que
Carl Orff popularizou dedicada a Carmiña Burana, a cantante galega amiga do
ex-conselleiro Pérez Varela.
E nunha das pausas dos cantores
paréceme ver a Manuel María aproveitando non estar diante Saleta para botar man
ás furtadelas a un cigarro prohibido e poñerse a fumalo co seu sorriso pillabán.
¡Como se a súa muller non se fose decatar da xogada!
Ningún comentario:
Publicar un comentario