Pepe de Rocaforte
No
pasado mes de febreiro puxen aquí un par de colaboracións (“Reis e
vagamundos” e “Viaxeiros por África”) onde a raíz dun artigo de Miguel Anxo
Murado sobre Alfonso Graña, un paisano natural de Avión, emigrante ó Brasil nos
anos vinte do século pasado, comentaba o meu recordo borroso da historia doutro
galego que nunha época anterior chegara a feiticeiro en certa tribo perdida da
África Central. Daquela deille unhas voltas ós meus papeis en busca de máis
información, pero non fun capaz de localizar nada sobre o particular, polo cal
deixei a cousa no aire.
Agora, case tres meses máis tarde,
un amigo remíteme unha curiosa información que vén incidir un pouco sobre o
mesmo tema. Trátase dun texto sobre Gonzalo de Vigo, outro
aventureiro galego do século XVI, enrolado na expedición marítima de Fernão de
Magalhães na primeira viaxe de
circumnavegación do mundo. Para min é algo novo do que non tiña noticia, pero
como, xa digo, vén tocar un asunto parecido, decidín volver sobre estes casos
de galegos vagamundos ó longo da historia.
Por aquelo de ter unha maior
información sobre este mariñeiro vigués que entre 1520 e 1525 viviu entre os indíxenas da illa de
Guam fun buscar máis datos onde, de entre as fontes que teño a man, me pareceu que
podía atopar algunha ampliación sobre o caso, o libro “Primer viaje en torno
del globo”, do veneciano Antonio Pigafetta. Pero na parte onde fala do paso
polas illas de Rota e Guam, bautizadas por aqueles navegantes como “Illas dos
Ladróns”, non atopei nin unha palabra sobre os fuxitivos que desertaran da nao
capitana, a “Trinidad”.
Non me foi posible acceder á
Relación da Viaxe de García Jofre de Loaisa en 1525 escrita por Andrés de
Urdaneta, de onde tomou os datos Eduardo Rollánd,
pero confío plenamente na súa información, así que aquí a deixo por se alguén
sinte curiosidade por estas historias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario