mércores, 25 de maio de 2016

A HISTORIA DA GARRAFA VACÍA



Por Pepe de Rocaforte
            A ¿historia? da famosa garrafa de Manuel María que contaba aquí hai dúas semanas proporcionoume algunhas alegrías inesperadas. Por unha parte serviu para que me facilitasen o enderezo de Jose Viale Moutinho, con quen tiña perdida a comunicación desde hai varios anos. Púxenme inmediatamente en contacto con el e, entre outras cousas, sorprendeume con esta ¿información? sobre o caso: “carissimo, a história da garrafa vazia do manuel maria está bem inventada... pois nem eu sei donde é que aquilo vem.”
            ¿Que conclusión sacar destas palabras? ¿Foi todo un invento? ¿Non quedou daquela Viale en condicións de lembrar nada de canto puido ter sucedido? Deixémolo así polo momento.
            Noutra comunicación pásanme esta versión do famoso“Venham mais cinco” de Jose Afonso.  E dinme:” Non hai coma a orixinal, pero a min esta versión tamén me gustou, a ver se che gusta a ti”.
  
     
Efectivamente a versión é interesante, pero eu sígome quedando co orixinal do Zeca
 , así que ¡Venham mais cinco!, ou, como diriamos nós: ¡Choca eses cinco!, amigo, que me fan lembrar a primeira vez que oín ó cantor da Revolução dos Cravos.
 

            Naquela época da primavera de 1974 atopábame en Suíza, na casa dun amigo que me dicía: “se hai un mes me aseguran que na televisión suíza ían estar dando todos os días informacións sobre Portugal non o crería nin tolo”.
            Pero así era e nós inflamabámonos coa esperanza de que axiña sucedería algo parecido en España. Logo xa vimos como se desenvolveron as cousas. E así estamos agora, máis vellos e máis desenganados.
            Pero así e todo sempre queda un chisco de ilusión. ¿Ou non é?...
            E o da garrafa vacía de Manuel María deixarémolo para outra ocasión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario