Por
Pepe de Rocaforte
Non me gustan as novelas chamadas de
“ciencia-ficción”. Nin sequera a denominación me parece axeitada, porque
“ficción” entendo que a deben ter, se non todas, case todas as novelas. E
“ciencia” boa parte das incluídas nesta etiqueta non me semellan ter moita.
Dándolle voltas ó asunto cheguei a
pensar que o culpable da miña escasa afección a este subxénero literario
quizais fose un tal don Julio Verne, a quen debín ler nunha época non apropiada
da miña vida. Naquel entón non só me parecían uns “rollos macabeos” as
informacións científicas que aquel bo señor largaba
nos seus textos; as súas historias resultábanme particularmente antipáticas,
entre outras cousas pola ausencia case total de mulleres nas súas novelas, polo
menos nas que eu lin. Minto, había unha, “El soberbio Orinoco”, na cal a protagonista
era unha moza, pero eso descubríalo ó final, porque durante case todo o relato
aparecía como un mozo, vestida de home e comportándose como tal. (Así e todo,
agora que o penso, nas aventuras de Tintín tampouco había ningunha muller, a
non ser a Bianca Castafiore, e estas gustábanme mogollón).
De calquera xeito, como disque non
hai regra sen excepción, no referente ó xénero de “ficción científica” debo citar
dous excelentes títulos: “Un mundo feliz”, de Aldous Huxley, e “Solaris”, de
Stanislav Lem, novelas ambas extraordinarias, como concordarán vostedes comigo.
Ou eso espero.

Tampouco son moi admirador de Orwell,
polo que a comparación coa súa novela non é o mellor engado para me facer ler
outra cousa. Púxenme así e todo ó labor e ó final debo recoñecer que me convenceu
e por eso vola recomendo aquí. Nada máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario