martes, 31 de maio de 2016

Fume de loureiro para curar o aire



 Por Rosa B. Vizcaya
      O loureiro, planta coa que se coroaba aos vencedores en Grecia en Roma, e tan abundante no noso país, era símbolo de Apolo, lembrando cando perseguía á ninfa Dafne e esta, para evitar o seu acoso, se converteu en loureiro.
     No santuario oracular de Delfos, dedicado a este deus, a pitonisa  mastigaba as follas e inhalaba o fume das súas baias queimadas para entrar en transo, e prognosticar o por vir ou aconsellar ás elites políticas, segundo a interpretación que os sacerdotes facían dos seus movementos convulsos, murmurios e gritos.
      En Galicia, son moitas as crenzas populares que consideran esta árbore  como portadora de características máxicas entre elas a que lle atribúe o poder de curar certos tipos de aire. Para iso hai que arrancarlle gromos ás doce da noite e despois queimalos pasando por riba do fume á persoa enferma, xeralmente unha crianza, mentres se pronuncian as palabras rituais tales como as que seguen:
 Loureiro que fostes nado
e non fostes plantado,
quítalle o aire a este meniño,
de vivos, de mortos
e de condenados.
     É imprescindible que o loureiro non fora transplantado e, como na miña horta naceu un ventureiro, póñoo a disposición de quen o necesite para un remedio.
     Por outro lado, segundo nos lembra a historiadora recén premiada co premio Princesa de Asturias, Mary Beard, contan as malas linguas que coa coroa de loureiro disimulaba a calva Xulio César.

Ningún comentario:

Publicar un comentario