mércores, 13 de xullo de 2016

DOS TEMPOS DO ROCK’N’ROLL



Por Pepe de Rocaforte
            Estabamos entre fins dos anos cincuenta e comezos dos sesenta do século pasado cando dentro do illamento que se padecía en España, os rapaces viviamos a invasión musical dunha manchea de cantantes italianos: Doménico Modugno, Renato Carosone, Adriano Celentano, Mina, Tony Dallara, Luigi Tenco, Milva...
            E daquela, no medio deste case monopolio melódico italiano, encontrámonos de repente cunhas interpretacións chegadas dos Estados Unidos, completamente á marxe dos ritmos en boga. Non lle entendiamos as letras, pero a voz, a música e o estilo ganáronnos de inmediato. Acababamos de coñecer a Elvis Presley.
            Aínda conservo varios discos da primeira época do cantante de Memphis (reproduzo a carátula dun par deles onde destaca o seu xeito espectacular de coller a guitarra). Esa guitarra, tanto ou máis que a voz, produciunos daquela unha impresión que se mantén nítida sobre o paso dos anos. Os amigos escoitabamos aquelas gravacións e marabillabámonos da súa potencia, da súa forza. ¡Que gran guitarrista, non só cantante, era Elvis!, repetiamos mentres escoitabamos as súas gravacións, que ás veces nos levaban a inxenuas discusións entre nós: ¿pero pódese tocar así a guitarra e cantar ó mesmo tempo?

Custábanos traballo aceptalo, pero no disco (acabo de confirmalo) non aparecía o nome de ningún outro músico nin información ningunha sobre o particular. E este sábado pasado, escoitando unha emisión de radio dedicada a el con motivo da súa morte, acabo de descubrir o nome e a existencia do gran guitarrista Scotty Moore, colaborador en moi grande medida daqueles primeiros éxitos do Rei.
Así acabo de saber que Scotty Moore, guitarra solista, acompañado pola guitarra rítmica de Presley, tivo un papel fundamental no nacemento do rock’n’roll. Títulos clásicos daqueles primeiros tempos, como “O rock do cárcere”, “Zapatos azuis de camuza” ou “Can de caza”, contaron coa creatividade e a improvisación de Scotty para acadar o éxito mundial. E agora, ganado pola señardade, voume poñer a escoitar de novo aquelas pezas inesquecibles da miña adolescencia para recrearme unha vez máis co son da guitarra do ata hoxe para min descoñecido Winfield Scott Moore.

Ningún comentario:

Publicar un comentario