Por Pepe de Rocaforte
Pero para min non cabe dúbida: diante dun libro do cal carezo de
referencias, tanto del como do autor, o maior atractivo está no
título. Sen desbotar o aditamento dunha portada suxerente e, en
moita menor medida, as informacións, pouco fiables, nas que aquí se
lle deu por chamar lapelas en tradución rápida do castelán solapas
en lugar de, por exemplo, a denominación portuguesa de orellas.
Os títulos relacionados co mar teñen para min un aliciente
especial, desde “O mar, o mar” a “El mismo mar de todos los
veranos” ou “Helena o el mar del verano”, por citar tres
textos que me veñen agora á memoria. A primeira vez que me fixei no
nome de Cesare Pavese, para min daquela un descoñecido total, foi
ver no escaparate dunha librería unha novela súa titulada “A
praia” alá polos anos sesenta do século pasado.
Xa na época do bacharelato me atraían particularmente os títulos
coa palabra “cereixas”. “O xardín das cerdeiras”, de Chejov,
ou “Las cerezas del cementerio”, de Gabriel Miró, son os que
agora máis recordo. Posteriormente chamaríanme a atención “Tiempo
de cerezas”, de Montserrat Roig ou “As cereixas”, de Manoel
Riveiro Loureiro.
Trato de imaxinar as razóns desta atracción e supóñoas debidas en
boa parte á relación cunha determinada época do ano: a chegada do
verao. Era cando empezaban a madurar as cereixas, cando remataba o
curso e se iniciaban as vacacións, o tempo de ir á praia (velaí a
conexión entre “cereixas”, “mar” e “praia”). Cando os
días se presentaban gozosos e con tempo libre tamén para ler eses
libros cun engado especial nos seus títulos.
Logo, é natural, algúns gustaríanme máis e outros menos. Dun
autor de quen me atraía particularmente o lirismo da súa prosa en
novelas como “Nuestro Padre San Daniel” e “El obispo leproso”,
ou “Años y leguas”, decepcionaríame “Las cerezas del
cementerio” a pesar do título. Como tamén me decepcionaría en
parte “As cereixas”, de Manolo Riveiro, que prolongou, na miña
opinión con pouca fortuna, un relato tan fermoso como o que abre e
lle dá título á novela. Pero eso son cousas que pasan a veces.
Agora cando estou a voltas con estas liñas, infórmanme dunha reste
de títulos coa palabra “cereixas”, nada menos que quince, dos
que carezo doutra información. Deles resúltanme atractivos “Un
sombreiro cheo de cereixas”, de Oriana Fallaci, e “Corazón de
cereixa”, de Cathy Cassidy. Non me dan en cambio boa espiña “Llegó
el tiempo de las cerezas”, de Nativel Preciado, ou “Hasta los
cuervos picotean las cerezas”, de José Manuel Prado Antúnez.
Pero para finalizar esta páxina quero lembrar “O sabor das
cereixas”, unha fermosísima película iraní, Palma de Ouro no
Festival de Cannes de 1997, que merece a pena ser vista máis dunha
vez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario