xoves, 21 de xullo de 2016

Outra voltiña co cine


Por Pepe de Rocaforte

Comentaba hai algún tempo, en relación co filme “O nome da rosa”, as distintas localidades onde, con escaso acerto, se supoñían rodadas varias escenas do mesmo. Se algún posible lector destas liñas puido ver aínda non hai moito “O descoñecido”, protagonizada por Luís Tosar e rodada case exclusivamente na Coruña, decataríase da dificultade de adiviñar en que lugares da cidade foron feitas as tomas de boa parte da película, polas conexións, imposibles na realidade, entre unhas rúas e outras, amén doutra serie de detalles que non veñen moito ó caso (Debo excluír a persecución automobilística polo Paseo Marítimo na zona do Orzan, de cuxo rodaxe fun testemuña impensada).
Todo esto tróuxome á memoria unha viaxe feita hai poucos anos polo illa de Sicilia, onde visitando Cefalú en compañía, entre outros, de Xabier Docampo, a fachada dun cine adornada cunha serie de carteis de películas dos pasados anos corenta e cincuenta atraeu a nosa atención (máis ben dito: a atención de Xabier, cinéfilo empedernido e director tamén dunha curtametraxe, “Na outra beira das augas grandes”, estreada hai pouco no CGAI).

Xabier pediume que lle fixese unha foto no vestíbulo do local e nesas andabamos cando do interior saíu un home con quen axiña establecemos conversación. Aquel amabilísimo señor díxonos ser o propietario do cine, o máis antigo da vila e un dos máis antigos de Italia, e convidounos a pasar ó interior para nos mostrar a sala, a cabina de proxección, o piano utilizado na época do cine mudo, e outra reste de detalles que xa non lembro ben.
Referiunos tamén a pequena historia do cine en Cefalú, desde cando en 1909 un seu antepasado, fotógrafo profesional, Salvatore Di Francesca, asociado a un ex-emigrante nos EE.UU., abrira o primeiro local da poboación para exhibición de películas, o “Cinema Excelsior”, que anos máis adiante, en 1928, pasou a establecerse no seu emprazamento actual, no Corso Ruggero, unha céntrica rúa da vila, co nome de “Cinema Di Francesca”, onde segue funcionando na actualidade.
Tamén nos contou que boa parte do filme de Giuseppe Tornatore “Cinema Paradiso” fora rodada alí, particularmente a escena do incendio na sala de proxección, amén de ser naquel mesmo local onde, ó regreso de filmar polos arredores, viña revisar no Cinema Di Francesca as tomas gravadas no día.
De volta na Coruña déuseme por volver ver “Cinema Paradiso”, que se non me entusiasmara demasiado na primeira visión, entusiasmoume menos aínda na segunda, pero esa podería ser outra historia.
Os exteriores da película non me lembraron para nada Cefalú, e a escena do incendio na sala de proxección, que puiden comparar coas fotos feitas por min no local, tampouco. Pero eso non ten por que ser determinante, o máis digno de crédito é que ó final, cando se indican os lugares onde se filmou, vén o nome da localidade de Palazzo Adriano, aínda que tamén figura unha nota de agradecemento a Cefalú, e dando unha voltiña por Internet, puider ver a boa relación de Tornatore cos propietarios do Cinema Di Francesca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario