A pesar de que as lareiras de antano
xa foron substituídas pola vitrocerámica, a indución ou a calor azul, na que se
considera a noite máis fría do ano, o lume cobraba na tradición galega unha
especial significación, á fin el é quen vai vencer as baixas temperaturas e
quen lle vai dar luz ás tebras do solsticio.
O lume é considerado no imaxinario popular
como un ser vivo, xa sexa porque non se apaga, senón que se mata ou morre, e
se aviva cando medra, revestido con todo un ritual que, a pesar dos tempos,
permanece no subconsciente como unha especie de veneración a unha divindade. E así,
por exemplo, ó lume do fogar non se lle bota o lixo das varreduras nin se cuspe
sobre el porque sería emporcalo, e ninguén emporca aquilo que nos merece respecto
e estima. El vén sendo a forza vital dentro do fogar, aquel que mantén o
sosego, arredor do que se manifestan as opinións, desexos e promesas, non en van, en
todas as culturas se conta como foi doado por algún deus benfeitor, e cando non
roubado por algún heroe para ben da humanidade.
E como tal ser vivo o lume ten o seu
momento para nacer, precisamente na longa e fría noite solsticial a partir do
Tizón de Nadal: é o Lume Novo, un ritual que a pesar de ser anatemizado e
incluso prohibido desde os primeiros anos da cristiandade, permaneceu como
elemento apotropaico a través dos séculos, con todas as variantes, propias de
cada lugar e de cada necesidade.
Nace, pois, na véspera do Nadal, e
tal nacemento prepárase vasoirando ben a lareira para eliminar todo resto de
pasado, á fin estamos preparando o nacemento dun ser novo. Acendíase un groso
tronco preferentemente de loureiro, planta sempre verde e polo tanto sempre
viva, que había de estar ardendo alomenos ata o primeiro de ano e o resto do
tizón gardábase, arredábase a un lado da lareira, para incluír no lume cando
algunha desgracia ameazaba á familia, tal nas noites de treboada, cando vai
nacer algún animal ou cando se anuncia sarabia.
Pero
o Lume Novo, tamén ten unha función solidaria na mesma noite de Nadal, cando se
reúne a familia en torno á mesa da fartura, á cea que se fai como un esconxuro
contra as penurias propias desta época do ano en que os campos adormecen e se
baleiran as despensas, pois a esta cea non só están invitados os vivos, senón
tamén os finados, a quen se lle pon un prato e unha cadeira para que, simbolicamente,
se unan ó ritual e participen do ágape. E ó remate, cando se recolle a mesa,
hase (ou habíase) de ter moito coidado de non varrer arredor do lume do fogar,
porque pode estar a alma dalgún antepasado sentada para pasar esta noite á
calor e en familia, e tamén por iso, hase de asegurar que o lume permaneza
aceso toda a noite. Non en van esta é unha festa familiar, á que tamén asisten
os ausentes.
Hoxe
en día, tempos de egoísta mercantilismo, a quen se lle deixa un prato de comida
e unha copa de licor é a Papá Noël.
(Artigo publicado no especial Nadal da edición Barbanza de La Voz de Galicia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario