Por
Pepe de Rocaforte
Todos as vivimos,
máis ou menos curiosas, pero en ocasións o encadeamento de dúas ou máis fainos
pensar na posibilidade da existencia dunha lei que dirixe esto das
coincidencias.
En certa ocasión, nun
fermoso día de outono, iamos a miña muller e mais eu para O Courel e
detivémonos para lle botar unha ollada á igrexa do Hospital do Incio. Mentres
andabamos arredor do adro, á espera do home que tiña as chaves para nola
ensinar, chegou outra parella tamén con intención de visitar o monumento.
Fixemos a visita
todos xuntos e ó remate, despois de o guía nos facer a confesión de que moitos
dos contos publicados por don Ánxel Fole nos seus libros fora el quen llos
contara ó escritor alí no pazo do outro lado da estrada, (e abondaba con ver os
anos do guía para imaxinar que a historia, de ter sido real, sucedería máis ben
ó revés), seguimos camiño con idea de xantar en Seceda. A outra parella,
madrileña segundo nos dixeran, marcharon antes, mentres nós aínda quedabamos
por alí a dar unhas voltas.
Algo máis tarde, á
entrada da Ferrería do Incio, paramos para lle botar unha ollada ó lugar e
vimos o coche dos madrileños que marchaba seguramente despois de facer o mesmo
ca nós. Démonos un saúdo coa man.
Chegamos a Seceda e
volvemos ver marchar ós madrileños. Paramos onde eles acababan de saír, para
irnos tamén despois de unha señora nos informar, como seica fixera cos outros
viaxeiros, de que por causa de se atopar
enferma a cociñeira, a fonda estaba pechada. Continuamos, xa que logo, camiño
de Seoane do Caurel, onde no restaurante onde entramos batemos de novo coa
outra parella.
Xa eramos coñecidos,
de modo que nos xuntamos os catro a unha mesa, onde dunhas noutras o home
contounos que de neno, por razón do traballo de seu pai, vivira en Santiago e
alí tivera ocasión de coñecer a Borobó, a don Ramón Otero Pedrayo e a outros
varios escritores galegos entre os cales tal vez se encontrase tamén don Ánxel
Fole, non o lembraba ben.
Ó cabo, despois de
tomarmos uns cafés rematado o xantar,
despedímonos, xa se sabe, dándonos os nomes, teléfonos e enderezos, por
se noutra ocasión cadraba de pasarmos pola cidade de residencia de uns ou
outros podernos ver e falar de novo.
Oito ou quince días
máis tarde dáballe un repaso ás memorias de Fernández del Riego, “O río do
tempo”, e no capítulo titulado “Antecedencia do labor cultural” batín cun nome
que me fixo lembrar a conversa mantida co matrimonio madrileño en Seoane.
Ó ver no libro de Del
Riego a información sobre José Goñi Aizpurúa, director de La Noche e ideador do
suplemento de cultura que aquel xornal sacou semanalmente entre outubro de 1949
e xaneiro de 1950, decateime de que aquela “grande persoa á que os galeguistas
lle debíamos agradecemento e respeto”, en palabras de Del Riego, viña ser o pai
do home a quen poucos días atrás coñecera de excursión polo Incio e o Courel.
Coincidencia de
atoparnos nun día calquera de entre semana naquelas paisaxes afastadas, e
coincidencia de, poucos días despois, poñerme eu a repasar as memorias de don
Paco Fernández del Riego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario