Por
Pepe de Rocaforte
Para lle poñer remate
ás lecturas deste ano acabo de ler a que, se non me engano e a memoria non me
falla, podo considerar como a peor novela de todas cantas lin ó longo da miña
vida. E ademais, por culpa do meu malfadado vicio de non abandonar ata a derradeira
páxina canto libro empezo, debo confesar apesarado que a lin de cabo a rabo,
con moitísimo traballo, eso si.
Esta lectura deixoume
varias interrogantes. A primeira: ¿Como pode haber un editor cun gusto tan ruín
como para publicar semellante trapallada, para máis inri traducida do inglés,
como se por aquí non houbese material abondo, aínda recoñecendo a dificultade
de atopar algo que se lle aproxime. (Hai un ano trouxen a esta sección outra
novela –“Si te nombro al revés”, de Javier Arriero Retamar-, que tamén tiña os
seus bemoles, pero ó lado desta de agora poderíase considerar unha obra mesmo
aceptable).
Dándolle voltas ó
asunto cheguei pensar que así como, no caso do cine, hai distribuidoras que nun
lote con algunha película de certa calidade introducen varios filmes
lamentables e os propietarios das salas de proxección vense obrigados a
adquirilas e proxectalas, tamén se pode producir no caso de obras literarias a
obrigatoriedade por parte dun editor á hora de adquirir os dereitos de
determinado título, apencar con outros coma o deste disparate infumable que
acabo de ler.
En fin, picado pola
curiosidade, á busca dalgunha información que me proporcionase algo de luz
sobre as razóns de tal xoia ter chegado ós escaparates das librerías, busquei
en internet o nome do autor desta peza, maxistral entre as carentes dunha
mínima calidade, un tal Lynn Westland, que resultou ser un dos varios
seudónimos utilizados por outro tal Archie Lynn Joscelyn, natural de Great
Falls, Montana, onde naceu en 1899, para morrer en febreiro de 1986, despois
dunha longa e proveitosa vida que lle deu tempo a escribir unas ¡duascentas!
novelas e, o que resulta máis incrible, ¡¡¡publicalas!!!
Como non me parece o
mellor momento para tratar outro tema relacionado co asunto, non falarei agora
das cualidades dos responsables de moitas editoriais, cuxos méritos resultan
máis que discutibles, boa parte deles co perfil do tipiño gris, literato
fracasado e resentido, auto-considerado propietario dun ollo clínico infalible
á hora de separar o gran da palla nas obras literarias que se lle ofrecen.
Como non me parece o
mellor momento, digo, vouno deixar para outra ocasión, ou tal vez para nunca,
non vaian pensar que respiro pola ferida. Ó fin e ó cabo tamén hai editores con
discernimento, gusto e formación para nos ofrecer un brillante catálogo de
títulos merecentes de toda a nosa gratitude pola súa publicación. Quedémonos
con eso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario