xoves, 22 de decembro de 2016

A ILLA DOS MORTOS



Por Pepe de Rocaforte 

O pintor suízo Arnold Böcklin (1827-1901), home posiblemente obsesionado pola idea da morte, é particularmente coñecido por un cadro, “A illa dos mortos”, do cal fixo polo menos cinco versións, a terceira das cales, aquí reproducida,  hoxe na Galería Nacional de Berlín, parece ser a que con máis forza transmite unha atmosfera inquietante que impresionou e inspirou a músicos, como Rachmaninoff, e a moitos escritores.
O pintor nunca quixo ser moi explícito sobre as intencións con que pintaba os seus cadros, quería que cada espectador os interpretase pola súa conta, sen ningunha influencia propiciada polas palabras do autor. Sobre “A illa dos mortos” escribiuse moito, pero eu queríame parar hoxe soamente nas opinións que, na súa maioría, sitúan a inspiración da obra no cemiterio inglés de Florencia, onde está enterrada unha das fillas de Böcklin, morta de nena.
A semana pasada, facendo un comentario sobre Pierre Loti, viñérame á memoria Montenegro,sobre o cal vou volver hoxe, e particularmente, sobre a illa de Sveti Dorde, situada enfrente da localidade de Perast, nas Bocas de Kotor.

Nesas paisaxes mariñas dunha particular forza fantástica, propicias á ensoñación fabulosa, encóntranse as pequenas illas de Sveti Dorde e Gospa od Skrpjela (San Xurxo e Nosa Señora das Rochas). En Sveti Dorde, enfrente da vila de Perast, érguese un mosteiro do século XII, cun cemiterio onde se enterraban ata fins do século XVIII os membros da nobreza da vila veciña, a uns doce quilómetros de Kotor.
Quen pase por alí seguramente non poderá resistirse a facer unha parada, ganado pola fermosura case irreal, sobrecolledora, de semellantes paraxes, con aqueles montes en caída vertixinosa sobre un mar inmóbil, onde nin os barcos parecen deixar ronsel camiño de Kotor, a cidade acochada no fondo da ría, defendida por unhas murallas da época da dominación veneciana, que soben, nos seus cinco quilómetros de perímetro, ata o pé dun castelo elevado por riba delas en equilibrio inestable, a metade da aba dun daqueles escuros montes que lle dan nome ó país.
Non sei se Arnold Böcklin viaxou algunha vez a Montenegro e, particularmente, ás Bocas de Kotor, pero quero pensar que o fixo porque ningún outro lugar puido inspirar con maior intensidade a composición do seu cadro da Illa dos Mortos. E para mostra repito hoxe de novo a foto de Sveti Dorde, agora de máis preto e desde outra posición, xunto coa reprodución do cadro do pintor suízo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario