Por
Pepe de Rocaforte
Durante estas últimas
semanas fóiseme encadeando unha curiosa reste de lecturas ás que hoxe lle vou
poñer remate co xornalista Prosper-Henri Devos, nacido en Bruselas en 1889 e
morto na Primeira Guerra Mundial, en
outubro de 1914. Cheguei a el da man de Ben-Cho-Shey e a súa tradución ó galego
das “Cartas de Galicia” do autor belga.
Devos chegou á nosa
terra en 1912 no “Zeelandia”, un barco que desde Vigo proseguiría viaxe a Río
de Xaneiro con emigrantes españois, e tamén cun grupo de portugueses,
contrarrevolucionarios que fuxían, a expensas do goberno brasileiro, despois da
derrota de Paiva Couceiro nun dos seus varios intentos de repoñer a monarquía
en Portugal.
Curiosamente entre os
motivos que traían aquí a Devos parecía estar o de se unir a estes
contrarrevolucionarios, pero xa chegaba un pouco tarde. Deixaríanos a cambio a
súa visión de Galicia en oito colaboracións publicadas no xornal “L’Étoile
belge” entre setembro e outubro de 1912.
A mirada do
xornalista belga non é moi compracente. No referido á Coruña máis ben un tanto
crítica (e un algo desinformada). Véxase un exemplo: «A Cruña contentaríase con
ser banal sin os “miradores”, que son o máis feio que vin en punto a unha gran
cidade. Os miradores son balcós de madeira, fechados por unha vidreira que
recobre compretamente a fachada [...]; dádelle a tódalas casas un traxe igual e
teredes unha imaxe das rúas da Cruña, cidade santa da monotonía, tumba da
arquiteitura [...] Eu téñome perguntado cáles poideran seren os engados destas
caixas de moscas penduradas. Non atopéi máis que ún: o de se poder poñer ao
balcón en tódolos tempos, nun país donde chove dous meses dos doce. En troques
os outros dez meses cócese un baixo o sol refrexado polos vidros do mirador.»
(Sen comentarios).
Pero o detalle deste
libro mellor gravado na miña memoria encóntrase no prefacio de Ben-Cho-Shey,
onde fala da “Batalla de Chaves”. No verao de 1912 Paiva Couceiro, militar
portugués que con anterioridade servira na Lexión Española durante a Guerra do
Rif, inicia un dos seus varios intentos para restaurar a monarquía en Portugal,
coa invasión do país veciño partindo de Verín. A aventura rematou ás portas de
Chaves onde Paiva foi parado e derrotado.
Para asistir como espectadores a esta famosa batalla
conta Ben-Cho.Shey «que os veciños de
Verín foron presenciar ben armados de empanadas e de botas de bon viño de
Monterrey e da que volveron carregados coas armas abandonadas polos invasores»
na súa pouco heroica fuxida.
Tratándose
de guerras, ou de batallas, ¿non vos parece un detalle pintoresco este dos
espectadores neutrais armados de empanadas e botas de viño para asistir a un
“espectáculo” semellante?"
Ningún comentario:
Publicar un comentario