xoves, 30 de marzo de 2017

WATCHMEN



Por Pepe de Rocaforte

     Non me podo considerar un adicto á banda deseñada, ou ó cómic, a denominación hoxe usual, a pesar de hai moitos anos ter coincidido en Vilagarcía durante uns meses con Armando Salas, quen se ocupou sen moito éxito de me poñer un pouco ó día sobre fanzines, tiras humorísticas e similares.
     Posteriormente tiven certa relación con Fran Jaraba e Xan López Domínguez (a este perdinlle a pista cando se instalou en Madrid). Ambos empezaran a publicar as súas historietas en “Xofre”, onde tamén colaborou Miguelanxo Prado, o autor a quen máis admiro dentro do xénero, un xénero que en Galicia parece estar actualmente en boas mans, con nomes coma David Rubín e Enma Ríos, entre varios outros de quen infelizmente descoñezo a obra.
     Falo hoxe de cómic porque me acaban de pasar “Watchmen”, unha historia de super-heroes en decadencia, que me foi calorosamente recomendada, obra de dous británicos, o guionista Alan Moore e o debuxante Dave Gibbons, o primeiro especialmente coñecido por “V de Vendetta”, de cuxa versión cinematográfica Moore renegaría por considerar o guión “unha porcallada”, chegando a esixir a retirada do seu nome dos créditos do filme.

     “Watchmen” tamén foi levada ó cine en 2009 e non sei se nesta ocasión o guionista quedou descontento do resultado. Non vin a película e aínda vou máis ou menos pola metade na lectura do libro, concretamente no capítulo VII, “Irmán de dragóns”, pero a cada paso voume sentindo máis ganado por este relato, no que se alternan historietas debuxadas  con páxinas de texto, estas ó final de cada capítulo, cunha extensión media de vinteoito páxinas de viñetas por catro de texto.
     O punto en que “Watchmen” empezou verdadeiramente a me interesar foi no capítulo IV, “Reloxeiro”, dunha envexable destreza literaria, onde os continuos saltos temporais adiante e atrás son manexados con sorprendente mestría polo autor para nos introducir nos sentimentos do personaxe principal do capítulo, o Dr. Manhattan. Aquí, señores, hai verdadeira literatura e se queren comprobalo non teñen máis que se poñer a ler “Watchmen”. Na miña opinión paga de certo a pena.

1 comentario:

  1. Facía este comentario anterior sen ter lido máis alá do capítulo VII de "Watchmen" e referíame ó capítulo IV, que transcorre entre rápidos e constantes saltos temporais. Agora, no capítulo IX, "A escuridade do simple ser", o Dr. Manhattan volve ser protagonista principal,e nun determinado momento di: "Non hai futuro, non hai pasado. O tempo é simultáneo", o cal explica o modo narrativo utilizado no capítulo IV.

    ResponderEliminar