xoves, 23 de marzo de 2017

ESTRADAS EN MALAS CONDICIÓNS



Por Pepe de Rocaforte
     Debo recoñecer que en punto a vías de comunicación temos unha rede de estradas de boa calidade, sen moito que lle envexar á maior parte dos demais países europeos. Certo que nestes anos de crise que vimos padecendo obsérvase un preocupante descenso no coidado e mantemento de moitas destas estradas, pero non nos podemos queixar demasiado, sobre todo á vista dos aires que sopran.
     Así e todo o outro día metinme a facer unha ruta pola cal xa había tempo que non pasaba e non puiden deixar de queixarme polo estado deplorable en que atopaba a estrada. Dixéronme que esaxeraba, que a cousa non era para tanto, e fixéronme lembrar unha viaxe feita xa hai unha boa porrada de anos. Non lembro a data exacta, pero máis ou menos andábase tratando o ingreso de España e Portugal na Unión Europea. Recórdoo porque aínda había guardinhas nos postos de fronteira, pero xa se pasaba a un lado e a outro sen pararte a mostrar o pasaporte e a documentación do coche.
     Aquela mañá cruzara a fronteira por Manzalvos, indo da Mezquita cara a Vinhais. Uns sesenta quilómetros de estrada tortuosa, estreita, deserta, entre montes pelados e valiñas con castiñeiros. Detívenme uns momentos no posto da fronteira para lle preguntar ó guarda polo estado da estrada, a primeira vista moi deteriorada. O home tranquilizoume: o camiño seica era malo só ata Vinhais, logo estaba "un bocadiño mellor".
     Certo que o do “bocadiño” non era moi evidente, e no resto do camiño a suspensión do coche sufriu o seu na cantidade de baches case imposibles de sortear que me amenizaron a viaxe ata Bragança.
     O cal me trouxo tamén á memoria, a anécdota que, en “Ares de Trás-Os-Montes”, conta o profesor José Augusto de Sant’Anna Dionisio daquel seu amigo que nunha viaxe por aquelas terras, á entrada de Rio de Onor, lle preguntara con certo arruallo a un vellote do lugar: «¿Que me di a esto, amigo? ¿Pensou vostede ver algunha vez un coche coma este por aquí?» Ó que o paisano lle respondeu: «O que lle digo é que, ou vostede non ten xuízo, ou o coche non é seu».

Ningún comentario:

Publicar un comentario