Por
Pepe de Rocaforte
Como supoño que resulta evidente, continúo a
voltas coa lectura dos relatos de Lucia Berlin incluídos en “Manual para
señoras da limpeza”, e no titulado “Querida Conchi” encóntrome con este
parágrafo: «Non conseguín praza nas clases de Ramón J. Sender ata o próximo
semestre [estase referindo a autora á súa época como estudiante na Universidade
de Novo México, en Albuquerque, a partir de 1955]. Díxenlle que “Crónica del alba”
era o meu libro favorito. “Xa, pero claro, es moi nova”, díxome. É tal como o
imaxinaba, só que vello de verdade. Moi español e arrogante, todo un señor».
Á parte do detalle de considerar a Sender moi
vello (daquela o escritor aragonés tiña
cincuenta e catro anos. Certo que ela andaba polos dezanove, o cal,
naturalmente, relativiza a impresión) resúltame curioso encontrar un autor
norteamericano coñecedor da obra dun escritor contemporáneo español, o cal non
debe ser moi frecuente. Claro que Lucia Berlin tiña un completo dominio do
castelán, adquirido nos anos vividos en
Chile, onde cursou todo o ensino secundario.
Esta alusión a Sender tróuxomo á memoria e
despois de moito tempo volvinlle botar unha ollada a algúns dos seus títulos.
Non a “Crónica del alba”, título no cal case todos os críticos coinciden con
Lucia Berlin a hora de considerala a súa mellor novela (a mellor do exilio
español do século XX, xunto con “La forja de un rebelde” de Arturo Barea).
Pero, despois de ter comentado aínda non hai
moito as novelas pacifistas do alemán Ernst Glaeser, citarei hoxe a tal vez
mellor novela anti-belicista e anti-militarista escrita en España. Refírome a
“Imán”, do mesmo Ramón J. Sender da “Crónica del alba”.
En “Imán” o desastre de Annual é narrado de
tal xeito, con tal proximidade, con tal verismo, que mentres lemos parécenos
estar vivindo aquela aventura demencial, xusto dentro dela, no medio do caos
provocado pola ineptitude duns mandos dun exército competente tan só para
reprimir ós propios cidadáns que o manteñen e soportan.
Non parece estraño que semellante novela
producise proídos na clase militar e aínda agora lemos críticas desta novela
cuns enfoques que, cando menos, non deixan de nos producir certa estrañeza. Non
é raro logo ver a relativa escuridade en que “Imán” se remexe para non caír no
inxusto sono dun olvido totalmente inmerecido.
Parece
incrible que se trate da primeira novela do autor, tan madura e traballada como
está.
Ningún comentario:
Publicar un comentario