xoves, 20 de xullo de 2017

OS SILENCIOSOS




Por Pepe de Rocaforte

Antón Risco co seu pai, entre dous amigos


Prometera escribir sobre artistas viaxeiros ourensáns pensando naquel grupo, “Os Artistiñas”, Quessada, Acisclo, José Luís de Dios, Casares en certa medida, e algún outro que agora mesmo non me vén á memoria, formado arredor da figura de don Vicente Risco, pero dándolle voltas ó asunto decidín tratar doutros artistas tamén ourensáns, autodenominados “Los Silenciosos”, con algúns dos cales tiven unha certa relación xa moitos anos despois, nos anos noventa, mentres cos “Artistiñas” non cheguei ter ningunha relación persoal, a non ser, tamén nos noventa, dun breve trato con Acisclo.
Eran “Los Silenciosos” Antón Risco, José Ángel Valente, Virxilio Fernández, Julio López Cid e José Eduardo Valenzuela Ulloa, todos escritores a excepción de Virxilio, pintor. Mortos a día de hoxe Risco, Valente e Virxilio. Non sei se aínda vivos, desexo que si, Valenzuela e López Cid, cos cales a última comunicación que tiven foi na primeira década deste século.

Virxilio
Así como os Artistiñas fixeran famoso “O Volter” do Tucho da Consolación, o lugar de reunión dos Silenciosos foi outra taberna, “El Refugio”, sen a mesma resonancia, a pesar do recoñecemento acadado pola maioría dos compoñentes do grupo. Xente eminentemente viaxeira, deles só Virxilio regresou a Ourense para alí vivir e morrer. Dos demais, Valenzuela, se vive, reside en Madrid, Julio López Cid, se tamén vive, en Ferney Voltaire, ó lado de Xenebra, Antón Risco, despois de se xubilar como profesor da Universidade Laval, no Quebec, morto cando viña para instalarse na ría de Vigo. José Ángel Valente tamén regresaría a Ourense, despois de morto, para descansar o resto da eternidade no cemiterio de San Francisco.
Deste grupo chamoume a atención a súa fixación nun par de motivos polos cales tamén, anos despois, me interesaría eu. Eran o carballo da Merteira e a aldea abandonada de Valdoseira, que deu pé a un fermosísimo conto do Antón, “Ningures”, co cal se cerra o seu libro “Memorias dun emigrante”.
Sobre “Ningures” escribiu tamén un relato Julio López Cid, co mesmo título, que me enviou, inédito, no ano 2003, coa indicación de que formaba parte dun libro, “El río”, daquela inédito e hoxe publicado, aínda que non o puiden ler. E José Eduardo Valenzuela fixo a peza teatral “Por qué se hundió Amarante”, tamén descoñecida para min. Sobre o carballo da Merteira escribiu Valente un poema en prosa, “Elegía. El árbol”, dedicado “a Julio, Antón, Virgilio, Eduardo”, no seu libro “Interior con figuras”.
E aquí, por non me estender excesivamente, paro por hoxe. Pero sobre o tema volverei máis adiante (salvo imprevistos).

Ningún comentario:

Publicar un comentario