luns, 31 de xullo de 2017

A congostra dos lamentos


Algo teñen estes lugares tan escuros e lóbregos, que tanto se prestan para as lendas e a fantasía. A profundidade do bosque, o deserto ou as profundas simas foron de sempre os lugares escollidos polos penitentes para vencer as tentacións do mundo, pois de feito eran estes os lugares considerados como habitáculos do demoño, lugares preferidos polos anacoretas xa que non hai maior mérito ca aquel de ir a onde está o inimigo para vencelo.
E esta corredoira, que transita polo medio de dous balados de considerable altura, escura e húmida, é un dos lugares máis propensos para que a fantasía lendaria se manifeste, tal aquela que en certa ocasión escoitei no que se chamaba a congostra dos lamentos, onde algunhas noites o vento circula por entre a ramallada que lle dá cubrición con voces que se din dun namorado agardando pola súa amada, neste lugar onde adoitaban encontrarse, ata que ela desapareceu do mundo encerrada na cela dun convento de clausura, e onde o namorado fica cada día laiando a ausencia do seu amor. Outra historia conta que os lamentos que se escoitan non son tales, senón risas dun diaño que subido ó alto dunha desas polas asusta ós camiñantes nocturnos para que tropecen e caian nos lameiros do chan.
E por se faltase imaxinación, aínda hai quen di que eses sons nocturnos son os lamentos dun zapateiro que apareceu cribado a balazos un amencer de agosto do trinta e seis. Como vedes, calquera destas tres historias pode ser certa. Ou as tres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario