Por
Pepe de Rocaforte
En Ourense eu vivía
na Avenida de Buenos Aires, máis coñecida como a carreteira de Trives, nas
proximidades do cuartel da Garda Civil, ó lado da carnicería da Rogelia, onde
un día vin un home pintándolle a porta con cores chamativas e rechamangueiras.
Un amigo púxome ó tanto de que se trataba do pintor Virxilio Fernández, seica
parente do xenro da Rogelia, ou algo polo xeito. Olla ti, un pintor de cadros
pintando portas polo barrio.
Nunha das casas de
enfrente da carnicería vivía o “Veneno”, un home de mirada alucinada e bigotes
de regulamento, de quen contaban que se cepillara unha boa manchea de “roxos”
despois de xullo de 1936. Un día apareceu morto na cama, seica se pegara un
tiro na cabeza coa pistola, tamén de regulamento. Xa os ollos lle daban que
algo non marchaba ben na súa chencha, tal vez o recordo dos republicanos por el
paseados.
Máis abaixo, despois
do asilo, onde estaba sempre na porta un vello delgado e alto, de lentes e
cabelo branco moi peiteado, atopábase o Colexio Galicia, de don Albino Núñez,
avó do hoxe coñecido gaiteiro Carlos Núñez. E un pouco máis abaixo, pola outra
banda da rúa, xunto ó edificio dos bombeiros,
xa no comezo da praza das Mercedes, vivía o pintor Prego de Oliver.
Pero atrás, entre o
Colexio Galicia e o Asilo dos vellos, quedoume a marmoraría de Faílde, Antonio
Faílde, o escultor. Por Faílde sentía eu moito interese despois de ver dous
grupos escultóricos seus na innecesaria, por non aproveitada, estación de
ferrocarril de San Francisco, a onde iamos os amigos cando se nos daba por
“copar” ás clases do instituto.
Volvín un día a
Ourense e unhas das primeiras cousas que fixen foi ir á estación de San
Francisco para ver as esculturas de Faílde. Xa non estaban. Ocorréuseme que as
poderían ter levado para a outra estación, a de Ourense-Empalme, pero tampouco
alí as vin. En cambio seguían estando as pinturas murais do vestíbulo,
cualificadas como de escaso valor por algúns entendidos amigos meus (por certo
esquecéuseme o nome do autor deses murais e tampouco ningún dos meus amigos me
soubo dicir quen fora).
O que me dixeron en
cambio foi onde se atopaban agora as esculturas de Faílde: nun parque infantil
non moi afastado da estación de San Francisco. Un emprazamento moi axeitado por
certo, o cal me alegra.
E xa chegado a estas
alturas, como empezo a me estender máis do prudente, volvo deixar para outro
día o tema dos ourensáns “artistiñas” viaxeiros de quen prometera falar hai
algún tempo. A ver se para a semana...
Ningún comentario:
Publicar un comentario