xoves, 6 de xullo de 2017

XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO



                                                                              Por Pepe de Rocaforte
       Nun destes días pasados, a raíz da cita sacada de “A saga dun afiador” na miña colaboración da semana anterior, comentábame un amigo que non lle gustaba nada esa novela de Ferreiro. Aínda máis: moi pouca cousa do escritor de Espartedo lle chamaba a atención.
        Matinando sobre esta opinión, oída xa a alguén máis, dáme a impresión de que o gran problema de Ferreiro reside, desde o meu punto de vista, no descoñecemento por parte da maioría dos lectores dalgunhas das súas mellores obras, escurecidas polo éxito doutras, para min de menor entidade, aínda cando algunha delas gañase un importante premio e fose un grande éxito de vendas.
      O Ferreiro que a min me gusta é o autor de dous libros, nunha primeira impresión diametralmente opostos entre si, pero complementarios para a comprensión de por onde andaban as súas ideas e os temas que o atraían.
       Un é “Co medo nas mans”, colección de contos onde incide no tema da saudade da aldea nativa, o lugar irrecuperable, como irrecuperable é a infancia. Aquí recobra para o lector a vida diaria nesa aldea hoxe morta. As conversas nocturnas arredor da lareira. Ou as vespertinas, na solaina, mentres as mulleres debullan as fabas á sombra. Ou o relato dalgún encontro de madrugada, de volta do muíño, cunha alma en pena. Ou a aparición do lobo no medio do monte nunha noite de nevada. Historias máxicas, de lobishomes, de mortos e aparecidos, de lobos e cobras, escoitadas por el de neno, nese Espartedo do cal quería deixar memoria viva na súa escrita.
        O outro título é “O Minotauro”, unha novela delirante, “historia onírica e brutal, como onírica e brutal –esperpéntica- é a vida”, escribe o autor na dedicatoria dun exemplar que agora mesmo teño diante. Desta novela di Xosé Luís Méndez Ferrín no prólogo da primeira, e polo de agora única, edición: “De entre todas as novelas de Xosé Fernández Ferreiro é esta a máis súa [...] [a súa] obra prima [...] Eu agora sei dicirvos que atopo neste libro triste e escuro o espello do meu ánimo”.
       Para remate quérolle recomendar a quen non lese ningún destes títulos que o faga agora. E espero que lle gusten.

Ningún comentario:

Publicar un comentario