Unha vez máis
volvemos a darlle voltas ó asunto da conquista do espazo como se se tratase
dunha emigración á que estamos destinados os terrícolas. E cando se fala deste
asunto, o primeiro que nos vén á cabeza é Marte e os marcianos.
Certamente, desde os
primeiros homínidos ata hoxe en día, é condición da nosa especie superar
horizontes, outear por encima da sebe e avanzar cara outras terras, por iso,
que nos falen da conquista e repoboación de outros planetas é algo que se
contempla como unha posibilidade, e de feito a viaxe a Marte xa está aí, á
volta da esquina, anunciada como unha excursión do INSERSO, pero sen querer ser
escéptico, outra cousa moi distinta é habitalo e manterse alí por un tempo máis
ou menos longo. A diferencia de gravidade pode facernos resentir dos ósos máis
ca se vivimos nun país húmido, logo está a falta de abono para a terra de quen
pretenda cultivar algo e a maiores xúntase a todo iso a falta de atmosfera, o
buraco de ozono e a entrada directa de emisións de raios UV e X que nos
obrigarán a vivir baixo teito e saír a pasear co escafandro posto. Sen embargo,
como vai nos xenes da nosa condición superar desafíos, aí temos ó arquitecto
dinamarqués, Bjarke Ingles, contratado polos Emiratos Árabes para construír unha
Mars Science City no deserto de
Dubai. Toda unha cidade marciana aquí na terra para ir probando, de cara a esa
ansiada colonización que os árabes estes agardan facer efectiva dentro de
exactamente cen anos. Trátase de simular a vida no planeta veciño dentro dunha
serie de cúpulas destinadas a albergar unha grande urbanización construída con
tecnoloxía 3D e usando a mesma area do deserto.
Xa sabemos que non é
a primeira vez que se fixeron experimentos deste tipo, concretamente en
distintos lugares dos EE.UU. aparentando a colonización dun planeta ou da mesma
Lúa, e cada pouco tamén vemos como algún millonario excéntrico se amosa ansioso
por organizar viaxes turísticos para dentro de tres ou catro anos. Pero unha
cousa é ir a Marte, sacar un selfie e volver, e outra moi diferente é ficar alí
e iniciar toda unha vida coma quen carga coa maleta da emigración. Fáltalle
moito á tecnoloxía e, sobre todo, fáltalle moito á nosa singular maneira de
relacionarnos co medio.
Mais, fantasías
aparte, o que si me atrae deste proxecto é o desafío construtivo que supón a
idea deste arquitecto, procurando combinar o económico co ambiental e o
práctico co fermoso, sen renunciar á función social que a súa disciplina ten en
por si. A pesares de que, a día de hoxe, tal e como se presentou este reto en
distintos medios, todo ese conglomerado paréceme máis un parque temático ca
outra cousa.
Á fin,
tamén el, a todo isto que semella un xogo, defíneo como a ilusión dun cativo
que querendo ser astronauta se fixo arquitecto, e agora combina ó neno co home
para lograr este desafío a base de cúpulas que se conectan entre si e dentro
das que vai haber leiras, ríos, museos, tendas e domicilios particulares nunha
extensión de case douscentos mil metros cadrados no medio do deserto. Todo un centro
comercial recibindo a luz do sol cribada polos polímeros da cúpula e cunha
temperatura regulable. Supoño, tamén, que sen necesidade de usar paraugas ou
antucas nin ter que mirar o calendario lunar ou a previsión do tempo para
plantar as cebolas ou o ceboliño.(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición Barbanza de La voz de Galicia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario