Por
Pepe de Rocaforte
Cando levo unha temporada sen atopar
unha lectura que me convenza, case sempre me queda o recurso de botar man dun
libro de António Lobo Antunes. E nunca me falla. Pero hoxe... Hoxe animeime a
ler “El archipiélago del insomnio”, novela que tiña na casa desde hai sete ou
oito anos e que non me puxera a ler antes, á espera de ter o texto en
portugués, “O arquipélago da insónia”.
Paréceme que esta debeu ser a
derradeira novela que lle verteu ó castelán Mario Merlino, un tradutor de quen
me parecían moi aceptables as versións que facía xa hai anos dos artigos do
autor portugués para o suplemento de libros de “El País”. Pero pouco a pouco
empeceille a percibir certas disonancias, que agora me parece ver ampliadas
nesta novela.
Polo tanto non sei se a opinión que
me formei deste libro será inxusta e se
tivese diante o texto en portugués opinaría de xeito distinto. Pero como non o
teño, comentarei a impresión que me causou en castelán.
En primeiro lugar: Lobo Antunes parece
sentirse moi a gusto co modo narrativo no cal semella estar definitivamente
asentado. E dá a impresión de terlle ben collida a música, pero o que nesta
novela lle falla é a letra. ¿Ou será ó revés? ¿Que lle ten ben collida a letra
e o que lle falla é a música? Non o teño moi claro.
A estrutura narrativa, repito, tena
moi clara, aínda que fracciona o relato cada vez algo máis do que, ó meu
parecer, sería conveniente. Ó mellor faino para lle dar ó lector parte do
traballo que a el lle leva construír a obra. Por outro lado, parece que cada
vez cústalle máis meterse nas personaxes e ós seus monólogos fállalle un pouco
a harmonía necesaria para facelos cribles.

¿Será eso? ¿Que o que se escribe
despois dos sesenta anos xa nin por aproximación se pode achegar ás mellores
obras escritas anteriormente? Non o sei, aquí deixo a miña impresión, á espera
de volver ter nas mans outra novela de Lobo Antunes, pero en portugués por se
acaso, aínda que non sei como o porá en castelán Antonio Sáez Delgado, o seu
novo tradutor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario