Por Pepe de Rocaforte
Faláballe o outro día a un
compañeiro de paseatas de como aproveitando unha curta estancia en Reus, me
desprazara a Cornudella de Monsant, distante de alí cousa duns trinta
quilómetros, levado pola curiosidade de coñecer a localidade de nacemento dun
antepasado familiar.
Cando me ía aproximando ó meu
destino, ignorante como son, levei a sorpresa de ver un cartel indicador
informándome de que entraba na bisbarra do Priorato, o cal me fixo lembrar
inmediatamente deste amigo paseante, polo feito de o seu pai rexentar hai anos
unha taberna moi popular na Coruña, coñecida polo seu servicio de porróns con
viño do Priorato, taberna que aínda hoxe subsiste, pero con distinto
propietario.
Lembrando tempos pasados o meu compañeiro contoume que
non coñecía Reus, a pesar de lle ter andado preto nalgunha ocasión e de ter
ganas de dar unha volta por alí a ver se localizaba as bodegas que todos os
anos fletaban un vagón cisterna con viño do Priorato destinado á tasca do seu
pai. E dicíame que a pesar dos anos transcorridos aínda non se lle esquecera o
nome e o enderezo do subministrador.
Conteille que nun percorrido polas
edificacións modernistas da cidade vira a Estación Enolóxica, pero aínda que
relacionada co viño, non debía ter maior cousa que ver co almacenista que lle enviaba
por tren os caldos do Priorato a seu pai.
E falando de edificios modernistas, que se
contan por ducias na cidade, díxenlle que me chamara a atención o Museo do
Vermut, bebida que semella estar en pleno auxe por aquela zona, o cal non é
nada de estrañar, porque, en canto a bebidas, xa durante o século XVIII Reus
era, xunto con París e Londres, unha referencia mundial no comercio da
augardente, o que a levou a se converter na segunda cidade de Cataluña, segundo
nos informaba orgulloso un guía local.
Pero tanto os augardentes coma os vermuts
non entran nas preferencias do meu compañeiro de paseatas. A el o vermut que
máis lle gusta é Carlos Vermut, ese mozo director de cine, autor dunha
sorprendente película, “Magical Girl”, que se vostedes non a viron,
recoméndolle que o fagan. Pero esta, como di o repetido tópico, xa é outra
historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario