Por
Pepe de Rocaforte
Tortosa é unha cidade que aparece
como diminuída e medio oculta, medio perdida no mapa de Cataluña, ou polo menos
esa é a impresión que en principio me producía a min. Unha impresión falsa como
puiden ver despois de ler un pouco da súa historia, ou visitar os seus
monumentos urbanos, empezando polo Castelo da Suda, na súa orixe unha fortaleza
árabe do século X, palacio real no século XIII e hoxe Parador de Turismo, dominante
de todo o perímetro urbano desde a súa situación no alto da cidade. Ou a catedral
gótica de Santa María, cunha colosal, a pesar de inacabada, fachada barroca. Ou
o Palacio Episcopal gótico. Ou o Colexio de Sant Jaume i Sant Maties,
renacentista.
Ou,
e párome particularmente nel, o Palacio da Deputación do Xeneral, un austero
edificio renacentista do século XVI, á beira do río, no cal se atopaba a Aduana
que controlaba o paso polo Ebro e onde se recadaban as taxas polo tránsito de
mercancías, tanto as que baixaban á costa, como as que ían río arriba cara ó
interior, importantísima fonte de ingresos para a cidade. E párome neste
edificio porque diante del non puiden por menos de lembrar a fermosa novela de
Jesús Moncada, “Camiño de Sirga”, cuxa lectura recomendo a quen non a coñeza.
Así e todo, se hoxe se me ocorreu escribir
sobre Tortosa, non foi por ningún destes motivos, senón por outro máis vulgar e
probablemente sen maior interese para o visitante da cidade. Refírome a unha
interpretación popular sobre o monumento á Batalla do Ebro.
Esta
obra do escultor catalán Lluís María Saumells foi levantada no ano 1966, como
recordo e homenaxe ó exército franquista, sobre un dos piares da ponte que en
1938 fora destruída durante a retirada do exército republicano na Batalla do
Ebro.
En
marzo de 2016 o Parlamento de Cataluña instou ó concello de Tortosa a retirar o
monumento, o cal provocou que en maio do mesmo ano o alcalde da cidade promovese
unha consulta entre os seus cidadáns. Na consulta só participou arredor dun
trinta por cento do censo electoral tortosino, e á pregunta de se se debía
derribar ou non, un sesenta e tantos por cen dos votantes mostrouse partidario
da continuación da escultura no lugar onde se atopaba.
Por
ese tempo xa foran retirados do monumento a inscrición “Al Caudillo de la
Cruzada y de los Veinticinco Años de Paz”, máis outra que dicía: “A la
Promoción Ebro de la Guardia Civil”, así como o “Vitor” de Franco, polo cal o
concello e a Deputación de Tarragona, estimando que a obra pode ser considerada
hoxe como unha homenaxe ós mortos de ámbolos dous bandos, decidiron non retirala
do lugar que ocupaba.
Actualmente
seica circula un chiste que lle chama “O Monumento ás Cervexas”, porque nel
aparecen “La Estrella” (ver foto número 1), “El Águila” (foto número 2) e “Cruzcampo”
(na foto número 3 pódese observar a cruz e, detrás dela, só o campo). O meu
informante díxome que lle contaran que aínda se poden sinalar dúas marcas máis
de cervexas, pero non se lembraba de cales son, nin eu fun capaz de as
descubrir. Proben vostedes a localizalas se teñen a vista, e a imaxinación,
máis agudas que o trosma que esto escribe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario