Por
Pepe de Rocaforte
Hoxe traio de novo a
esta pantalla unha foto de Don Martín Vázquez de Arce, o Doncel de Sigüenza, non
polo seu aspecto de lector feliz, digno de ser lembrado especialmente nesta
semana na que se celebrou o Día do Libro, que tamén, senón porque nunha recente
visita a Cantabria, puiden observar outra similar figura lectora, de
pouco máis ou menos a mesma época que o anterior, ou todo máis duns vinte anos
máis tarde.
En San Vicente de la Barquera
atópase un dos dous grandes templos góticos que acoutan a fachada marítima de
Cantabria, o de Santa María de los Ángeles (o outro é, naturalmente, o de Santa
María de la Asunción, en Castro Urdiales).
E nesta monumental igrexa
barqueireña do século XIII encontrámonos, á esquerda do altar maior, coa capela
dos Corro, unha nobre liñaxe local, á cal pertenceu Don Antonio del Corro, nacido
en 1472. Este señor acadaría en Sevilla, a onde se trasladou de mozo, a
dignidade de Inquisidor, que exerceu “con sumo crédito” combatendo “a
malignidade herética” ata a data da súa morte en 1556.
No testamento pedía Antonio del
Corro ser trasladado, unha vez morto, á súa vila natal, para ser enterrados os
seus restos a carón de onde están sepultados os dos seus pais, como así se
fixo.
E de xeito similar ó do Doncel de
Sigüenza, unha estatua xacente en actitude lectora, considerada unha das máis
destacadas esculturas funerarias renacentistas españolas, tallada en mármore de
Carrara, coroa o seu sepulcro. O monumento (do cal, para que vostedes fagan
comparanzas e saquen as súas opinións, expoño aquí a fotografía, xunto coa máis
coñecida do Doncel) é obra de Juan Bautista Vázquez el Viejo.
A min, cando viaxaba a cidades con
liñas de metro, onde noutros tempos circulaba unha boa cantidade de lectores de
libros, gustábame axexar as lecturas de viaxeiros e viaxeiras, máis que nada
por curiosidade informativa. E o que me pregunto agora é: ¿que libro estará
lendo o señor Del Corro? Á vista da súa profesión, supoño que se debía tratar
do “Malleus maleficarum” ou outro texto polo xeito, ¿non pensan o mesmo
vostedes?
Ningún comentario:
Publicar un comentario