xoves, 1 de agosto de 2019

PARA FOMENTAR O TURISMO


Por Pepe de Rocaforte
Unha das grandes preocupacións dos gobernos, sexan municipais, autonómicos ou estatais, parece ser a de tomar medidas para atraer o turismo como medio principal, ou case, de mellorar a economía local, autonómica ou estatal, incrementando de paso o nivel de ingresos da poboación en xeral.
Nun informe que vin hai uns anos, non sei se da Deputación de Alicante ou doutra entidade similar, chamoume a atención unha relación da renta per cápita nos municipios da provincia alicantina, na cal figuraba en último lugar o concello de Benidorm, paradigma turístico español por excelencia.
Ó mellor o turismo non garda relación co que tal información me fixo supoñer e, polo si ou polo non, vou aportar o meu grao de area para que se vexan os meus desexos de colaborar á obtención de beneficios para arcas municipais, autonómicas, etcétera.
Velaí van xa que logo algunhas suxerencias do que para fomentar a atracción de visitantes vin por aí adiante nunha recente xira centroeuropea, a ver se entre eses exemplos se pode encontrar algo aproveitable.
O tema dos calendarios e reloxos florais está un pouco obsoleto, pero tal vez con algún retoque aínda se podería sacar algo del. Respecto a eso, cando en Xenebra lle comentei a unha guía local que na Coruña había un reloxo semellante ó seu do Xardín Inglés, replicoume: “Pero o da Coruña non ten unha maquinaria Patek Philippe. ¿Ou si?”

E mira ti por onde ó mellor o da maquinaria Patek Philippe pode ser un atractivo con forza suficiente para seducir ó visitante ocasional. Non sei. Como o de ter unha agulla do segundeiro de non sei canto longo, seica a maior do mundo, algo que valerá para o libro Guinness dos récords, pero para pouco máis. Digo eu.
Xa é outro cantar o dos reloxos con autómatas. Pero, claro, aí está a dura competencia do Reloxo Astronómico de Praga, unha atracción difícil de superar, aínda que hai algúns meritorios intentos por parte de rivais coma Berna, onde o reloxo da torre do concello, debaixo dun guerreiro con armadura que bate as horas cun martelo na campana, hai unha especie de trasno que abanea un par de campaíñas mentres o deus Cronos no seu trono xira un reloxo de area e move un cetro na man esquerda e ó seu lado un león arrandea a cabeza como dubidoso. E toda a parafernalia iniciada e rematada polo canto dun galo que axita as ás ó ritmo do quiquiriquí. Demasiado complicado, paréceme.
Máis simples son outros casos modernos, como o Flautista de Hameln, ou Hamelín, con figuras excesivamente envaradas. Ou o do concello de Lausanne, cunha historia da cidade moi esquemática e figuras igual de envaradas que as da vila alemá. Non me acaban de convencer eses exemplos.
Máis efectiva é a iniciativa de Interlaken, onde captaron ó cinematográfico director hindú Yash Chopra, de Bollywood, para filmar nas paisaxes montañosas suízas as súas románticas historias de amor, que tanto gustan na India. O efecto foi fulminante e a día de hoxe o número de turistas hindús en Suíza é tan considerable que, a pouco que te descoides, vas de paseo polas rúas de Lucerna e paréceche estar en Bombay. O cal tampouco me parece tan desexable para nós. E non porque sexan hindús, non me malinterpreten, senón por seren turistas. Coma min.

Ningún comentario:

Publicar un comentario