martes, 30 de xullo de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (29)




Casa Vásquez ou “del Virrey”
                    O Curmán de Undochán

   Falamos de algúns edificios montevideanos polo seu significado arquitectónico e xa demos pistas sobre determinados palacios galegos. Hoxe quero me internar nese ricaz acervo histórico do que, mercé a uns poucos fillos enriquecidos, dispón Galiza neste país (e non só neste país, naturalmente). O Uruguai -e moita da Arxentina- non posúe unha antiguidade tal a dos países do norte, centro e pacífico-América: México (a Nueva España), as illas caribenses e o Perú, sen desdeñarmos, por suposto, Colombia e Ecuador (a Nueva Granada), protagonizan o esplendor da arquitectura colonial, como nos tempos precolombinos o luxo azteca, maia, incaico...
Casa Montero: Museo Romántico
  Todo o antigo deste país remóntase apenas a finais do século XVIII. Con esta premisa poderemos citar e apreciar, alén duns poucos edificios relixiosos -Catedral ou Matriz, capela da Caridade, esta do compostelán Miguel Estévez-, os chamados palacios ou simplemente casas que na Ciudad Vieja ergueron os inmigrantes exitosos, galegos moitos deles.

Palacio Gómez: Junta D. de Montevideo

Palacio Taranco: Museo de Artes Decorativas
    Así, cronolóxicamente, temos como vella entre as vellas a Casa Lecocq, dacabalo dos séculos XVIII e XIX, na actual avenida portuaria -daquela beiramar-, construída polo xa coñecido noso, enxeñeiro Bernardo Lecocq O'Hennesy (1734-1820), coruñés de pais estranxeiros (belga e irlandesa). Séguelle a veciña Casa Vásquez, chamada popularmente Casa del Virrey, mandada erguer, na primeira década do XIX, polo tamén coruñés Manuel Vásquez Senra (1752-1812), opulento comerciante que comprara o terreo á Mariscala, Ma. Francisca de Alzáibar, viuva do primeiro gobernador español de Montevideo, o navarro José Joaquín de Viana (daí a virrey pouco había na visión do pobo).
    A Casa de Montero é de 1831, feita coa república recén nada, por encargo do ferrolán da Graña Antonio Montero Remesil (1783-1853), hoxe a albergar o saudoso Museo Romántico. Outras mansións (enténdase, todas en pé a esta data), e só traemos un feixe delas, estas xa sendo debidas a fillos doutros galegos acomodados, serían as que seguen.
    O palacio neogótico (de 1875) de Francisco Antonio Gómez, fillo de Roque Antonio Gómez (1767-1836), de Queiruga-Porto do Son, desde anos há sede do parlamento municipal (Junta Departamental de Montevideo, algo así como a deputación provincial española).               

    Dos mesmos anos é a Casa de Carlos de Castro, fillo de Agustín de Castro (1783-1838), de Lestrove-Dodro, de quen  acabamos de falar en reseñando os masóns uruguaianos. Compre avanzar ata a centuria pasada, para, no mesmo histórico ámbito xeográfico, dar con dous, estes si, de galegos nativos, chamados palacios: de 1909 e 1910 son o Palacio Gandós, do baionés Leoncio Gandós (1851-1932) (ver Crónicas 11), e o Palacio Taranco, do coruñés de Vilaboa-Culleredo Félix Ortiz de Taranco y Viñal (1866-1940), considerado o edificio privado máis suntuoso do país, hoxe Museo de Artes Decorativas.
    Xusticieiramente, varios destes edificios están catalogados como monumento histórico nacional. Claro que hai moito máis para comentar. Xa falaremos.

Nota extemporánea: Así como o primitivo alcume de “cueva céltica” foi asumido polos integrantes da Cova Céltica... tamén os hinchas de Peñarol asumiron o insulto de “manya mierda” (do italiano mangiare=comer) como un dos seus alcumes preferidos, manyas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario