mércores, 15 de decembro de 2021

CERÁMICAS DE PÉREZ PORTO

Por Pepe de Rocaforte

 

A semana pasada buscando un catálogo que non atopei, dei con outro que fixen para unha exposición de Francisco Pérez Porto e, como hoxe non me sinto moi inspirado, vou reproducir estas liñas escritas xa hai cousa de vinte e cinco anos:

Unha lenda que de pequeno lin non sei onde contaba que Manitu, para poboar o mundo, fixo unha figura de barro e púxoa a cocer. Mentres el andaba non sei por onde, veu a chuvia e apagoulle o lume, de modo que cando volveu atopou un boneco pálido e mal cocido que non o contentou, polo cal guindou con el e púxose a modelar outro.

Deste primeiro boneco nacería a raza branca.

Modelou Manitu outra figura e desta vez, en busca dunha mellor cocción, antes de marchar ás súas divinas ocupacións, botoulle ó lume leña en cantidade industrial. Sucedeu que á volta atopou un boneco queimado e mouro coma un chamizo. Irritado, guindouno de novo por aí en calquera parte e del derivou a raza negra.

Xa un pouco picado no amor propio puxo o deus por terceira vez mans á obra co maior esmero, modelou a máis fermosa de todas as figuras e quedou á beira do lume para vixiar a cocedura.

Desta volta a obra saíulle guai, ben acabada, o barro nun axeitado punto cobreado de cocción. Puxo nela Manitu todas as súas compracencias, situouna no mundo coa súa bendición e a partir dela orixinaríase a máis perfecta das razas: a dos indios de América.

En Menfis, no antigo Exipto, Ptah, deus creador, “escultor dos escultores, oleiro dos oleiros”, deulle forma a todos os seres modelándoos en barro coas súas propias mans. E, segundo conta Ovidio, para crear o primeiro home, mesturou terra con auga do río e fixo unha estatua a semellanza dos deuses. Como tamén de todos é sabido que, á súa imaxe e semellanza, creou Yavéh o primeiro home, insuflándolle vida cun sopro á figura de barro por el modelada.

  

Herdeiro de tan ilustres predecesores, e non tan descoidado coma o Manitu dos contos infantís que, por disposición imperial, forman tanta parte do mundo que me modelou como as meigas e os lobos e os encantos e as santas compañas, Francisco Pérez Porto móstranos aquí o resultado do seu traballo de deus creador.

As súas figuras proceden dunha tradición que vén desde os dolmens de Dombate, “fillo doutras idades”, ou Cabaleiros, ata a lámina 46 do álbum NOS de Castelao (“A nosa terra non é nosa, rapaces”), feita cerámica por Díaz Pardo no Castro de Sada.

Polo medio quedan as acumulacións de figuras dos calvarios de Guimiliau e Tronoën, as pedras formosas de Briteiros, o candor das composicións de Arturo Baltar, o Retablo dos Dez Mil Mártires de Crozon, as ansias de chegar ó ceu do menhir xigante de Dol, os Nenos, e Nais, e Xente Traballadora e humilde, paralizada nunha súa expresión cotiá feita pedra por Failde, figuras cohesionadas entre si pola forza do seu e do noso amor, os lenzos laxeirianos, febrilmente cheos de rostros, de ollos, de rizos, de bocas redondas expresivas do horror vacui do pintor, os petos de Ánimas, as figuras en pan do San Andrés de Teixido, zumarentas das cores primarias con que o meu avó, torneiro da Ulla, decoraba fusos e rocas torneados polas súas mans. Redondeces fecundas, grávidas, agarimosas, sensuais. Curvas e contracurvas que se volven e envolven sobre si para de repente erguerse en erupción volcánica de entrañas desgarradas, lava ofrecida nun primeiro día da creación. Nenos que brincan para despedir un globo que non se quere ceibar. Ou que rodean e apolican pola árbore da Cruz de Maio. Ou mar sempre presentido, azul que ferve no rendillado da escuma para se erguer tamén e facerse, no Pindo, en eclosión ciclópea, sólida e ingrávida pedra aérea de luz.

Francisco Pérez Porto, aí está e nada máis. A man do ceramista é, case sempre, a man creadora dun deus.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario