Por Pepe de Rocaforte
Para cerrar os meus recordos do Grupo Poético Amanecer deixei dous nomes, Rogelio San Luís e Jaime Vaello, os dous a quen máis tratei daquela xente. Rogelio San Luís é na actualidade, se non me engano, o único supervivente do grupo; sobriño de Xesús San Luís Romero, o autor de “O Fidalgo”, a peza dramática máis representada do teatro galego, polo menos ata os anos oitenta do século pasado. Tal vez por seguir os pasos do tío, o sobriño só escribíu para o teatro, tamén se non me engano.
San Luís era, e supoño que sigue sendo, home con humor, ben dotado para o xogo de palabras, e para comprobalo abonda con repasar algúns títulos das súas pezas teatrais: “Matemos a los viejos un poquito”, “Despedida de casada”, “Se vende cadáver en buen estado”, “Una muela sin juicio”, “María Pita al borde de un ataque de gaiteiros”, “Verbena en el hospital”, “Dios los da y ellos... na Xunta”, “El presidiario es un ser muy decente”, etcétera.
Hai cousa de trinta anos San Luís empezou a padecer unhas vertixes que lle impedían camiñar sen risco de dar un traspé e caír o chao. Sóubeno cando en marzo de 1992 asistimos ó enterro de Antón Avilés, vello compañeiro seu do Grupo Amanecer, e por causa da cantidade de coches que ocupaban as beiras da estrada de Noia a Taramancos, tivemos que ir máis dun quilómetro a pé ata igrexa parroquial. Daquela o fermoso paseo dunha tarde de sol polo bordo da ría foi para San Luís unha tortura. A partir de entón Agustín Hervella e mais eu iámolo buscar á casa unha vez á semana, ou cada quince días, e entre os dous levabámolo do ganchete ata o bar máis próximo, onde pasabamos unha tarde de conversa sobre unhas cousas e outras, ata que o costume foi esmorecendo e deixamos de nos ver. Hervella , tamén home de teatro, estivera en Madrid, na Escola Superior de Arte Dramático, onde asistira ás clases de Mercedes Prendes, Manuel Dicenta, Amparo Reyes e outros. De regreso na Coruña formou parte da Agrupación Teatral Coruñesa e escribíu algunhas pezas, “Doña Felipa”, “Los calandracas”, etc., pero non pertenceu ó Grupo Poético Amanecer, que daquela xa deixara de existir.
Finalmente temos a Jaime Vaello, a quen me parece estar vendo no retrato obra de Alberto Carpo, no cal o poeta, sentado nunha cadeira de balancín, en posición levemente inferior frente ó pintor, eleva o azul dos seus ollos como nun aceno inocente de pedir desculpas non se sabe por que. Cando o coñecín só publicara, en 1969, “Ofelio noviembre, Ofelio diciembre”, cunhas atractivas ilustracións de Regino Barbeito, un libro que nunca podería chegar a ser un best-seller. Vaello era no Grupo Amanecer un punto á parte, os seus poemas non eran estimados polos outros poetas e el tampouco sentía moito aprecio pola obra dos seus compañeiros. Tal vez por eso deixou de escribir, ou eso pensaba eu ata que, andados uns anos, me sorprendeu cun novo orixinal: “Adeona”.
Jaime, que era compañeiro meu de traballo, pedíume axuda para lle buscar editor ó seu novo libro. ¡A boa parte viñera! Eu case non coñecía a ninguén do mundo editorial, e moito menos a alguén disposto a publicar un libro en castelán.
Despois dalgúns intentos infructuosos visitamos a Isaac Díaz Pardo, quen en principio lle deu a súa aprobación a “Adeona”, pero a condición de contar cun prologo de algunha autoridade na cultura galega para publicalo. ¡Estabamos na mesma! De entre os meus escasos coñecementos persoais de escritores, o único que me merecía confianza era o considerado o noso mellor autor contemporáneo; mandeille o orixinal de “Adeona”, así como o exemplar que tiña de “Ofelio noviembre, Ofelio diciembre”, para que fixese unha composición de lugar, e pasado algún tempo díxome que non se sentía en condicións para prologar aquel libro, déralle voltas e voltas pero fora incapaz “de lle traspasar a codia” (por certo, Xosé Luís, non te acordaches de me devolver o meu exemplar do “Ofelio”, que ten unha dedicatoria moi apreciada por min; a ver se estas liñas chegan ós teus oídos e mo envías de volta).
Por aquel tempo recordo que, tanto Xabier Seoane coma min, intentamos animar a Vaello a escribir en galego; pero dicíanos que para escribir como el o facía, para destruír o idioma, precisábase un coñecemento máis profundo que, no caso do galego, el non tiña. E algo de razón tería, porque o seu primeiro poema publicado en galego, “Ollada da durabilidade”, con correccións ortográficas creo que de Xabier Seoane, no número 3 da revista “Escrita”, da AELG, primavera de 1984, non acadaba, desde o meu punto de vista, a calidade da súa poesía en castelán.
Máis ou menos por aquel tempo o pintor Xabier Correa Corredoira, gran amigo e admirardor de Vaello, pintou unha serie de cadros, inspirados nos poemas de “Adeona”, cos cales montaría despois unha exposición no Museo de Serralves, do Porto. A Fundación Serralves editou para a ocasión un catálogo algo máis que digno, no cal se reproducían os cadros de Xabier Correa xunto cos poemas de Jaime Vaello. Jaime morrería pouco despois e aí quedou todo.
Agora vexa vostede un poema do derradeiro libro, inédito, de Jaime Vaello:
La cantina de los números
ejercitados
en la cantina del pan caliente,
o me hablo
de lo que desconozco...,
de lo que no conocí
al hablarlo...
Desentido,
de lo que no sé, me hablo.
Hacia la infinitud
replicado,
me hablo…
O hablo
chipl
a un Sol tartana
del centeno, cuerno turullo del agua
o tituti
de dormir
a la leva
pequeñuela,
dod-gg, rozando la tierra
trinada,
trill trill
vagado
el trino.
Esta pared empalidecida,
volteada en el cántico
de la luz que ve el agua,
la volumetría del agua
anegando
cautiva,
tanto en años,
tanto en sexagesimales años, esta pared
votiva
y rebosada
por el nombre cirial del otoño
y su llave incorrecta.
Pared claustra, completada,
recetario de la luz convocable
delante del dia,
encordelada a un burgo.
Esta pared,
numeral de la vela
de ingestuales marinos,
contigua de los vivos,
contigua de los muertos, volteada
en el cántico.
Está visto que non se pode fiar un da memoria á hora de ofrecer un dato. Nesta ocasión cometín un erro sen xustificación ó escribir que Xabier Correa Corredoira fixo unha exposición cos seus cadros inspirados no "Adeona" de Vaello no Museo Serralves, cando a exposición se celebrou na Galería Nasoni do Porto en 1988. Pido desculpas.
ResponderEliminar