sábado, 11 de decembro de 2021

O mes das crianzas

 

        

Dinos Xulio que o ano debería comezar en decembro, como comeza e remata o ciclo solar. E é que, desde as máis antigas crenzas ata a actualidade, as festas relixiosas, tan pendentes de chegar e convencer, adaptaron as súas celebracións ós eventos da natureza e ós ciclos da vida.

 No solsticio de inverno, arredor do día vinte de decembro, empezan a medrar os días e é como se todo nacese de novo, como unha crianza amosando o primeiro sorriso. E desde principios do mes xa nos preparan para ese momento cume. Comezamos co festexo de san Nicolás, un santo que exemplifica coa necesidade de coidar e protexer ós cativos, de quen se conta que en tempos de fame extrema fixo resucitar a tres nenos que un malvado pousadeiro despezara e cociñara para servilos como se fosen carne de comer. Logo vén a festa da Inmaculada, a muller grávida, abrindo o ciclo do Nadal co Neno Xesús como centro e a quen o evanxelista san Xoán chama a luz do mundo, para rematar co día dos Reis, xa en xaneiro.

Pero se imos ós festexos populares, con estas celebracións que están na base da relixión, aparecen unha serie de personaxes lendarios para protexer ós nenos, non só na cultura galega senón tamén noutras que nos son máis ou menos próximas. Aí temos o Apalpador ou Pandigueiro, ese ser mítico recuperado hai poucos anos, pois quedaba circunscrito a pequenas zonas da montaña, quen nas noites de Nadal e Aninovo visita ós cativos para palparlles a barriga e comprobar se están ben mantidos para darlle logo castañas e noces. Vaite indo meu neniño,/ vai axiña para a camiña, / que vai vir o Apalpador/ a palparche a barriguiña.

En Euskadi e Navarra teñen ó “Olentzeru”, quen tamén agasalla con froitos secos ós cativos no día de Nadal e comparte co galego a profesión de carboeiro. En León esta función facíaa unha tal “Vella do monte” e en Écixa temos ó “El Tientapanzas”, o que nos dá unha idea da orixe dos repoboadores desta cidade despois da conquista de Fernando III.


Todos son personaxes a quen a cultura da globalización foi arredando para facerlle sitio a “Papá Noel” ou “Santa Claus”, incluso por encima dos mesmísimos Reis Magos, quen, igual que o Apalpador, sempre nos traían unha presa de froitos secos, e ningunha crianza se deitaba o cinco de xaneiro sen deixarlle “o prato”, para que eles depositaran alí os seus galanos en forma de larpeiradas.

Os cativos son os protagonistas do mes. Incluso na tráxica celebración da matanza dos inocentes, que na nosa tradición, retomando os costumes romanos das Saturnais, converteuse en día festivo e xocoso, unha data na que era habitual que un neno se vestise de bispo e se lle outorgase, durante ese día, a autoridade para mandar na casa. Costume prohibido polo bispo de Mondoñedo en 1669 por atentar contra a dignidade episcopal.

Con estas pequenas lembranzas, reafirmamos o que nos dicía Xulio, que o ano debía comezar en decembro, aínda que os seus festexos se alonguen ata o seis de xaneiro. Pero sexa polos Reis, polo Apalpador ou polo Papá Noel, o que se pretende é que nenos é nenas o pasen ben ó largo deste mes en que andan cheos de ilusión e esperanza.

 

 

 (Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario