Non toda a arquitectura popular é de pedra e barro. As construcións adáptanse ás necesidades de cada momento. Se por algo recibe unha peza o cualificativo de popular é porque bota man de materiais que están ó alcance do construtor, que son máis doados de adquirir, e hoxe por hoxe é máis doado de conseguir un saco de cemento ca un de barro.
Xa sabemos que cos novos materiais sempre estamos propensos a contribuír ó feísmo, pero tamén temos a posibilidade de mellorar ou elaborar novas formas de expresión. E que ninguén se escandalice, dada a mala fama que teñen o cemento e o formigón, que tantas veces se usan sen xeito ou de maneira inadecuada, e se non ¿que sería de arquitectos como Lloyd Wright, Mies van des Rohe ou Le Corbusier, se non tivesen un saco de cemento de que botar man?
Nesa idea de que só a pedra dá categoría, asistimos a un despelote de paredes antigas sen decatarnos de que non todas foron deseñadas para amosar a pedra, senón que estaban pensadas para ser cubertas con amplos panos pintados que protexían do deterioro o que eran cachotes ou simples cascallos unidos con barro, mentres que a pedra de fiestras e portas si quedaba ó descuberto porque estaba traballada e non ofrecía fisuras polas que a auga e o aire se filtrase destruíndo a amalgama.
Pero o formigón non ficou só nos edificios, senón que foi moito máis alá e pasou a formar parte das construcións populares con mellor ou peor resultado. A boa intención leva moitas veces a chafallar con cemento muros e paredes para amosar logo un mapa de manchas que afean e desvirtúan toda a construción; pero noutras ocasións, ese mesmo cemento serviu para adaptar unha obra tradicional á modernidade, modificando algúns elementos decorativos ou de simboloxía apotropaica. ¿Cando se lle ía ocorrer a un canteiro darlle forma de espiga ó pináculo dun hórreo se non era usando o cemento? As mesmas regañas dos hórreos soluciónanse eficazmente colocando tixolos que permiten a circulación do aire entre os seus ocos. En amplas zonas da Costa da Morte e da Mariña luguesa, principalmente, os hórreos feitos de ladrillo e formigón, que se empezaron a datar arredor da segunda metade do século pasado, amosan todo tipo de simboloxía, desde escudos a fermosas postas de sol, paxaros coroando os pináculos, rosáceas ou flores abertas ó ceo, convertendo eses elementos de protección simbólica, onde se mestura relixiosidade e tradición, en verdadeiras obras de creatividade dos anónimos albaneis.
E é que o malo non é o elemento, senón o uso que se lle dá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario