mércores, 22 de decembro de 2021

¿OS SILENCIOSOS?

Por Pepe de Rocaforte


    

Despois do paseo recordatorio co que andei a voltas arredor do “Grupo Poético Amanecer” da Coruña estas semanas de atrás, viñéronme á memoria os “Artistiñas” ourensáns, tal vez o grupo máis coñecido nos medios culturais da Galicia dos anos cincuenta e sesenta do século pasado (mención á parte para a chamada  “Xeración de La Noche”, outra cousa, ó meu ver, distinta).

Da tertulia e aventuras dos “Artistiñas”, na súa maioría pintores, no seu habitual centro de reunión na taberna de Tucho da Consolación, rebautizada por eles como “O Volter”, non vou escribir; máis que nada por non ter cousa ningunha que aportar ó xa de sobra coñecido, porque non tiven relación persoal con ningún deles, a non ser con Acisclo Manzano, e eso bastantes anos despois, cando aqueles rapaces que trataban de romper moldes dentro da pobre vida cultural da época, deixaran de ser unhas promesas das nosas artes para se converter nas figuras hoxe de todos ben coñecidas.

Así as cousas acordeime de outros mozos ourensáns daqueles tempos, que se movían un tanto á marxe de tertulias e medios máis ou menos bohemios do seu entorno. Ese grupo, para min innominado, non sei se por elección deles ou por denominación externa, resultou chamarse “Os Silenciosos”, segundo lin nun blog ó que non lle dei moito creto, tal vez por me parecer que en certo modo relacionaba a eses rapaces coa tertulia que no último terzo do século XIX tiñan en Zúrich o escritor Gottfried Keller, o pintor Arnold Böcklin e Carlo, fillo do pintor, tertulia cuxo nome Vila Matas traducía ó castelán como “Los Parcos”, mentres outros se inclinaban por “Los silenciosos”.

Formaban ese grupo José Ángel Valente, Antón Risco, Julio López Cid, Virxilio Fernández, José Eduardo Valenzuela e algún máis que agora mesmo se me escapa da memoria. Daquela eu sabía quen era Antón Risco, con quen me cruzaba a miúdo no Parque de San Lázaro e pola rúa de Santo Domingo. E tamén sabía do pintor Virxilio porque nunha ocasión en que o vira pintando as portas dunha carnicería preto da casa onde eu vivía (creo lembrar: a carnicería da Rogelia), un amigo meu contoume que aquel home era un artista e pintaba cadros. O cal vería confirmado nunha entrevista en “La Región”, onde contaba que nas súas correrías por Europa adiante se dedicaba a pintar para non morrer de fame. O xornalista preguntáballe: ¿Pintaba e vendía cadros? E Virxilio respondíalle: Non, non. Pintaba paredes”.

En xaneiro de 1960, outro membro do grupo, Julio López Cid, conseguiría o Premio Sésamo de contos co relato titulado “¡Pobre Celso!”, que non sería publicado ata 1975; pero con tal motivo puiden ter noticia del por outra entrevista en “La Región”, e saber que a aquela altura se encontraba internado nunha clínica de La Dehesa de la Villa, en Madrid, por causa dunha doenza pulmonar. A Julio López Cid nunca cheguei a velo persoalmente.


Polo que algún tempo despois cheguei a saber deles, parecíame que o nome máis axeitado para o grupo sería o de “Os Paseantes”. Ou, en todo caso, “Os Camiñantes”. E pensando neso tratei de lembrar o modo en que empecei a ter relación con eles; pero non acabo de chegar a un acordo comigo mesmo. Por unhas veces paréceme que con quen primeiro empecei a me relacionar foi con Antón Risco, pero por outras creo que foi a Julio López Cid a quen primeiro tratei.

E posto que quero contar como se produciu o inicio das miñas relacións con eles, e paréceme que facelo hoxe suporía alargar máis alá do debido esta colaboración, vouno deixar ata a semana que ven, a ver se entre tanto consigo lembrar con certeza con quen primeiro empecei a me relacionar.

¡Ata dentro de oito días logo! ¡E felices festas!, como corresponde desexar nestas datas.





Ningún comentario:

Publicar un comentario