mércores, 1 de decembro de 2021

VIA FLORIS E XOGO DE CRÓQUET


Por Pepe de Rocaforte

 


A semana pasada quedoume no teclado unha información esencial relacionada co  coruñés Grupo Poético Amanecer. Cometín entón a omisión imperdoable de non citar o nome de don Miguel González Garcés, director da biblioteca da Casa da Cultura da Coruña e recoñecido poeta, premio da crítica en 1978. Del é preciso dicir que foi o principal mentor literario daquela rolada de poetas mozos.

Nese tempo dos anos cincuenta do século pasado, durante a época de vacacións do verao, González Garcés convidaba a aqueles vates en agraz a visitalo na súa casa do Portazgo, entre a Coruña e Culleredo, onde na horta ou xardín practicaban o provenzal xogo do cróquet, mentres debatían sobre temas literarios e culturais en xeral. (Aquí éme preciso referir ademais que, segundo informacións facilitadas por algún dos habituais asistentes a aqueles saraos, un dos atractivos das visitas á casa do Portazgo era para os poetas masculinos o de admirar, e conversar, con Laura, a fermosa filla de don Miguel, que, andados os anos, sería así mesmo directora da Biblioteca da Casa da Cultura, posteriormente trasladada ó seu actual emprazamento no barrio de Monelos e cambiado o seu nome polo de “Biblioteca Miguel González Garcés”).

Unha das actividades que lle deron sona ós membros do grupo Amanecer, foi a celebración dos seus famosos “Via Floris”. Non sei se tal denominación foi tomada das “via floris” de vilas e cidades italianas, ou máis ben se trata dunha modificación dos Vía Crucis escénificados pola igrexa católica en procesións polas rúas de vilas e cidades en tempo de coresma . Un percorrido que tamén podía ser realizado polo interior do templo, parándose a rezar diante de cada unha das catorce estacións sinaladas con cruces polo xeral ilustradas con diversas escenas do camiño de Cristo ó Calvario. Pola miña parte creo que a denominación se debe máis ben a este último suposto.

A celebración do Via Floris coruñés facíase polas rúas do centro da cidade. Non teño unha idea clara do percorrido, pero de forma un tanto confusa paréceme lembrar que alguén me dixo que a procesión dos poetas se iniciaba na praza de Pontevedra e seguía pola rúa da Alameda, onde paraba diante da casa en que vivía daquela González Garcés para declamar alí os seus versos, mentres o profesor se asomaba á fiestra en pixama (sináloo para facer ver que os viafloreiros eran madrugadores), acompañado pola súa esposa en bata de casa, para saudar ós animosos poetas do “Grupo Amanecer”, que proseguían o seu percorrido, esparexendo pétalas de flores polo camiño, ata remataren a función literaria no porto.


Como vostede pode supoñer, os compoñentes do Grupo Poético Amanecer pertencían maioritariamente ó xénero masculino, sendo moi reducida a participación do xénero feminino nas súas actividades literarias e festivas; pero, así e todo, algunhas mozas aínda había no grupo e entre elas unha, da cal, por máis indagacións que fixen, non fun capaz de localizar o nome (na miña memoria, non sei por que, atravésase facendo tapón outro apelativo, Corina, tal vez por ser trisílabo e rematar en “ina”, detalle que me parece pertencer tamén ó orixinal que son incapaz de lembrar). Esta rapaza aseguraba que certa noite, no xardín de San Carlos, fora posuída polo espírito de Gustavo Adolfo Bécquer, que a deixara preñada de poesía.

E para rematar a entrega de hoxe, xa que a semana pasada reproducín uns versos dun simpático poeta daquela época, obsequiareino a vostede con outros deliciosos versiños pertencentes a unha peza teatral orixinais do tamén poeta e dramaturgo Agustín Hervella, que aínda sen pertencer ó Grupo Literario Amanecer, foi bo amigo de varios dos seus compoñentes.

Van os versos:

                                    Doña Inés del alma mía,

                                    flor gentil de la ilusión,

                                    esa que la sangre altera

                                    y te pone hecha una fiera

                                    la tensión

Continuará, se non hai novidade, a semana próxima.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario