sábado, 5 de marzo de 2022

A nai da química

 


 A fama levouna el pero foi ela quen estivo detrás, obrando en favor do seu esposo, Lavoisier, o químico que promulgou a lei da conservación da materia e morreu baixo a guillotina un tráxico 8 de maio de 1794. Un exemplo máis desas grandes mulleres de quen se di estaren detrás dos grandes homes, resignadas ó sacrificio e fieis ós seus maridos. Ela era Marie-Anne Pierrette Pulze, con quen Lavoisier, catorce anos máis vello ca ela, casou cando a moza aínda non cumprira os quince, por facerlle un favor a quen ía ser o seu sogro.

Ó quedar orfa de nai seu pai metéraa nun colexio de monxas para aprender os labores propios dunha nena daquel entón, dirixidos a convertela nunha esposa exemplar, e tal vez pola súa dedicación ó estudio e a cumprir con celo as normas dunha boa ama de casa, cando a cativa só tiña catorce anos fixouse nela un rico, poderoso e déspota nobre trinta anos maior, que, por demasiado presuntuoso, non era do gusto de seu pai, así que argallou entre os coñecidos ata convencer a Lavoisier para que a pedise en matrimonio antes que o vello, polo menos este tiña unha idade máis acorde con aquela nena que só coñecía a vida retirada dun internado. E o matrimonio encaixou ben, porque a moza soubo atender ó seu esposo e converterse nunha colaboradora atenta e servizal, ata o extremo de procurarse un mestre que lle ensinase os rudimentos da química para estar a altura do que o seu esposo demandaba.

Pero chegou a Revolución Francesa, o seu pai primeiro e logo o esposo foron arrestados por ter formado parte do goberno e da nobreza monárquica, os seus bens, incluído o seu laboratorio, foron confiscados, así como todos os escritos e apuntes que o químico tiña tomado. Marie-Anne pelexou contra esta inxustiza alegando que Lavoisier só era un científico que contribuía a darlle fama mundial a Francia, pero para o novo réxime pesaba máis a súa pertenza ó goberno monárquico, e por moito que tratou de xustificar o seu labor, a guillotina acabou por segar a vida dun dos maiores científicos da historia.

Marie-Anne, con só trinta e seis anos quedou viúva. Sen bens propios e condenada ó que podía ser unha malpocada de por vida, reuniu o valor suficiente para recompilar todo canto puido, organizou e redactou de novo os textos que foran confiscados, e deu á imprenta un profundo traballo titulado Memorias de química, que publicou baixo o nome do seu esposo.

Para presentar a obra, estruturada en varios libros, tamén escribiu unha especie de prólogo onde atacaba a pouca visión de futuro que tiñan os revolucionarios, e a algúns dos outrora amigos por insolidarios co seu esposo, pero os editores creron máis axeitado non incluílo por temor ás vinganzas e a que a historia se repetise.

A súa fidelidade como esposa e a capacidade como científica quedaba clara, pero seguía vivindo na precariedade, polo que aceptou casar de novo co conde Rumford, o físico que definiu as bases da termodinámica, máis non conxeniaban os seus carácteres, e o matrimonio apenas durou tres anos.

En opinión dos historiadores da ciencia debémoslle a ela que morrese a Alquimia e nacese a Química. 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


Ningún comentario:

Publicar un comentario