Por Pepe de Rocaforte
Camilo Gonsar foi un dos nosos escritores máis mesurados nos seus xuízos e apreciacións sobre unha sociedade que non acababa de cadrar coa súa maneira de ser e pensar. Aínda que non o coñecín persoalmente (o único contacto que tiven con el foi un curto intercambio postal con motivo de me pedir unhas informacións sobre Manuel García Barros, “Ken Keirades”, que lamentei non lle poder enviar coa amplitude necesaria), teño esta opinión del por comentarios de amigos e pola lectura dos seus libros, desde “Lonxe de nós e dentro” e “Como calquer outro día”, onde se descubre unha persoa comedida que observa con rechazo, mesturado con certa estrañeza, e mesmo asombro, a sociedade que medra e se desenvolve arredor de nós e coa cal, ás veces sen nos decatar, colaborarmos a facer do mundo un lugar a cada paso máis inhabitable.
Nestes días pasados, nun dos periódicos repasos ós libros que por diversos motivos se me van acumulando sen ler, botei man de “Arredor do non”, colección de relatos na liña que Gonsar xa iniciara en “Desfeita”, e cando cheguei ó texto titulado “Viaxe ao fondo do aseo público”, veume á memoria un libro de Papini, non lembro ben o cal; por unha parte parecíame que debía ser “Gog” e por outra pensaba se sería “O libro negro”, pero así a primeira vista non atopei en ningún de ambos títulos o fragmento buscado.
En “Viaxe ao fondo do aseo público” refire Gonsar que en certa ocasión, en Nova York, entrou nuns retretes públicos e atopouse cun longo corredor con compartimentos a un lado e outro, cada un ocupado por un señor en crequenas, cos pantalóns baixados, facendo as súas “necesidades maiores” á vista de canta xente pasaba por diante seu.
Inmediatamente veume á memoria unha situación similar que, como digo, me parecía ter lido nun relato de Papini; pero o máis relacionado que atopei foi, en “Gog”, o titulado “A.A. e W.C.”, onde di que “a existencia dos comedores públicos é a proba máxima de que o home aínda está na fase animal” e non fai distingos entre defecación e manduca. O comer en público, unha acción que se debería satisfacer en segredo, como a súa complementaria, é un espectáculo que se ofrece diante de calquera, cando se debería realizar en cubículos pechados, cunha pequena mesa e unha cadeira como único mobiliario, cun letreiriño enriba da porta para informar do fin a que estaba destinado. Camareiros encargados do servicio visitarían varias veces ó día aqueles gabinetes para facer desaparecer os pratos sucios e dispoñer novos alimentos nas mesas e na proximidade de cada cabina de alimentación haberá un water closed equipado cos últimos perfeccionamentos hixiénicos para a limpeza e aseo posterior.
No seu relato conta Gonsar que en “Voyage au bout de la nuit”, Celine refire un feito similar ó observado por el. O escritor francés puidera ver eses mesmos cubículos en pleno funcionamento, tamén en Nova York trinta anos antes, durante a súa estancia ilegal nos EE. UU., o cal lle fai entender ó de Sarria que o por el visto non foi ningunha alucinación ou confusión dos sentidos. Terei que volver ler a Celine, porque non conservo memoria desa súa información.
Pero para eliminar posibles dúbidas sobre a existencia destes utilísimos locais noutros lugares do mundo acompaño unha foto que fixen hai uns anos, nunha visita ás ruínas de Éfeso, en Turquía, onde pode vostede ver ese retrete comunitario sentados no cal, en tempos do apóstolo Pablo, manterían interesantes ou intranscendentes conversas os habitantes da cidade, mentres realizaban as súas tranquilas evacuacións nun cómodo local orientado ó sur, a desfrutar do soliño mediterráneo mentres por debaixo das súas nádegas circulaba unha corrente de auga cantarina que limpaba os restos das masculinas evacuacións. (As mulleres seica non tiñan permitida a utilización de aqueles cagadoiros, a pesar de que os baixos das súas saias ocultarían con total decencia as súas carnes, tan ben ou mellor que as elegantes túnicas e togas gregas utilizadas polos varóns da época).
Ningún comentario:
Publicar un comentario