Non é nada novo este afán que temos por acaparar cousas vellas que nos serven de adorno e incluso de marca distintiva da nosa estirpe, xa o facían os nosos antepasados hai máis de cincocentos mil anos, e nosoutros aprendemos a apreciar e posuír obxectos desde que empezamos a cambiar cromos na porta da escola, regateando con eles, porque sempre había uns que tiñan máis valor ca outros, xa fose por escasos ou porque lle interesaban a alguén en particular. Con aquel primario mercantilismo de coleccionistas tamén aprendemos a conservar e darlle valor ás cousas, máis polo que significan ca polo que valen. Por algún lugar das nosas casas aínda han de andar a colección de pelouros, de buxainas, de selos ou de caixas de mistos estampadas con bolboretas. E cos anos tamén fomos reunindo outros obxectos, uns herdados e outros buscados en tendas de antigüidades. Un reloxo de péndulo, o sextante dun avó ou a libreta de marcas fanequeiras dun antepasado. Son pequenos tesouros cargados de lembranzas.
Segundo Xulio, o coleccionismo é algo que nos distingue como seres racionais, pero sobre todo é o querer conservar aquilo que pertenceu ós nosos devanceiros como un medio para manter a súa presenza. Non é raro ver adornando o xardín dalgunha casa a Vespa que fora do pai ou o arado que usou un bisavó de quen xa non quedan recordos. Dáselle valor ó vello máis como lembranza de quen o usou ca como aparello de uso. Tras o pasamento dun familiar é normal que se cedan e repartan os efectos persoais do finado entre os achegados, como unha maneira de conservar a súa memoria por medio daquilo que o finado posuíu en vida, entregados con frases do tipo: “a el gustaríalle que o tiveses ti”. Poñer no pulso o mesmo reloxo que usou noso pai ou nas orellas os pendentes de nosa nai é algo así como amosar a estima por eles compartindo e apreciando o que era seu, algo que temos por normal nunha sociedade ó tempo posesiva e sentimental como é a nosa.
Sen embargo isto non é novo nin cousa das sociedades modernas, como vén de descubrirse nun xacemento arqueolóxico do sur de Israel, onde aquelas xentes prehistóricas de hai medio milenio ou máis, xa conservaban, coleccionaban e incluso reutilizaban as mesmas ferramentas dos seus antepasados, polo xeral pezas que xa foran descartadas por vellas e ás que lle daban novos usos. Eran pedras talladas que perderan o gume, pero volveron a ter unha segunda vida coa seguinte xeración, segundo se desprende da análise das distintas capas de terra ou elementos orgánicos que quedaron nelas, demostrando que o seu último posuidor usou ou reacondicionou algunha pertencente a unha xeración anterior, xa porque a recibise por herdanza ou porque a atopou, e para non borrar a marca do primeiro dono, unhas veces tallaba un novo gume e outras, cando non podía usala para cortar, usábaa para raspar, procurando manter a forma orixinal da mesma ou modificándoa o menos posible.
Estas ferramentas eran, á fin, pezas que tanto podían evocar ós seus maiores como a conexión da súa familia con algún lugar determinado.
Como queira que sexa, tanto aquelas persoas de hai cincocentos mil anos coma nós, conservamos as cousas porque somos uns sentimentais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario