sábado, 19 de marzo de 2022

Pena de morte


Despois de vinte séculos xustificando a morte por man propia ou allea, a Igrexa, en palabras do papa Francisco, acabou recoñecendo que a pena capital é indigna e contraria ós mandamentos, o que de sempre dixo a quinta lei fundamental do cristianismo: non matarás, o cal inclúe a outro ou a un mesmo. E unha incongruencia, non se enterra en sagrado ós suicidas, pero si ós asasinos.

Nesa secular falta de criterio, tanto ían contra o quinto mandamento aqueles teimudos integristas que preferían ser o prato do día dos leóns do coliseo antes que chegar a unha frase de concordia, como aqueles santos medievais que sinalaban o camiño da fogueira para quen non seguía os seus mandados, uns por aceptar o que dalgún xeito era un suicidio premeditado e os outros por executores.

Veña de onde veña, sexa dun tribunal laico ou relixioso, a pena de morte é inhumana por inaceptable baixo calquera circunstancia, porque atenta contra a dignidade da persoa, pero se a isto lle engadimos a tortura aplicada para xustificala, non hai perdón posíbel.

En Santillana del Mar hai un museo da tortura onde se conservan os aparellos, maiormente da Inquisición, cos que obrigaban ós reos a confesar o que o xuíz quería oír para acreditar a condena, moitas veces por asuntos tan absurdos como a posesión de libros ou por aplicar un remedio de herbas a un doente sen a autorización do cura párroco ou dos promotores dalgún milagreiro santuario, previo pago adiantado en cera, e agardando que o santo non fose esquecedizo.

Todo aquel que teña lido O pozo e o péndulo, de Alan Poe, coincidirá comigo que é unha das denuncias máis duras que se fixeron contra aqueles métodos de sometemento que a Inquisición, mal chamada santa, usaba para subxugar ós fieis e erradicar ós infieis, sempre e cando non os necesitase para outros mesteres. E era tal a afección á fogueira daqueles xuíces do Santo Oficio, que cando o acusado, reo ou condenado fuxía, non se privaban de xulgalo na figura dun boneco de palla sobre quen logo oficiaban tal castigo.

Con todo, a nova resolución pon en dúbida cantos santos non perderon con esta nova interpretación dos mandamentos a súa condición, ou o lugar que ocupan arestora, post mortem, tantos magnates, xuíces e gobernantes de misa e comuñón diaria.

A pena de morte, usando a mesma terminoloxía que escusa as guerras e as vinganzas, xustificouse ó largo da historia como a resposta máis apropiada, polo ben común, a delitos graves, polo que non sabemos como acabará nos libros de historia este papa que xa é santo polo cargo, porque de momento xa corrixiu, polo menos, a dous doutores da Santa Igrexa, nin máis nin menos que a santo Tomás, que xustificaba a radical condena porque as mesmas escrituras, en referencia ó Antigo Testamento, a teñen por un mal necesario, e a santo Agostiño, quen aseguraba que o verdugo é unha espada na man de Deus.

¿Estarase por fin cristianizando a Igrexa? Eu, polo de pronto, coñezo a un cura en exercicio (non creo que moi partidario deste papa), que publicou un libro tratando de endemoñados e merecedores da morte a todos os que eran republicanos na súa parroquia cando estalou a Guerra Civil.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia.)


Ningún comentario:

Publicar un comentario