xoves, 24 de marzo de 2022

DISQUISICIÓNS URINARIAS


Por Pepe de Rocaforte

 

  

Astiaxes, rei de Media, que perdería o trono a mans de Ciro II o Grande de Persia, soñou unha vez que a súa filla Amitis empezaba a mexar e da súa entreperna medraba unha fonte que non estiñaba. A urina da filla de Astiaxes estendíase pola terra, anegaba o país, chegaba a cubrir ata os confíns do mundo coñecido.

Astiaxes acordou moi preocupado e foi consultar co seu equipo oniromántico habitual, frecuente recurso no que acostuman a caír os mortais; non nos chega o afán de cada día, que nos poñemos a furgar para sabermos o que nos deparan as néboas do porvir.

Astiaxes, coma tantos outros antes e despois del, ignoraba que o destino é cruel e que, como ó gato co rato, lle gosta xogar coas súas vítimas ese xogo mortal de suxerir camiños polos que coidas afastarte do abismo aberto ante ti na estrada principal, e pola nova vía elixida atópaste co mesmo cavorco do cal coidabas escapar. Tal o caso de Laio, o pai de Edipo; de Basilio, pai de Sexismundo, e de tantos outros, reais ou literarios.

Naturalmente, como mandan as regras, Astiaxes, por se querer poñer a salvo do que lle predicía o seu soño, non fixo senón enguedellarse máis e máis na rede que o levaba dereitiño a cumprir a fatal profecía. Pero a miña idea inicial non era estenderme en consideracións sobre o caso particular do rei Astiaxes, senón facer uns comentarios sobre secrecións urinarias, como diría un urólogo.

Por exemplo temos a recomendación de mexar nas palmas das mans para evitar que se che produzan bochas cando te pos a remar nunha embarcación, medio terapéutico disque comprobado ata a saciedade polos expertos.

Outra cualidade curativa da urina era utilizada polas mulleres de lóbulos delicados, ás que o contacto dos ganchos dos brincos, ou arracadas, lle facía inflamar unha cousa mala as aurículas.

Para esta amoladela non había mellor cousa que unhas pinguiñas de urina, postas cada noite no lugar inflamado antes de se deitar, e ós poucos días xa se podían lucir de novo as máis barrocas ou célticas arracadas sen medo ás queixas dos lóbulos.


E moitas máis aplicacións ten o mexo, coma o de servir para saber se unha muller se atopa en “estado interesante” ou son falsas as súas esperanzas, desde a proba da cebada, ou da ra, ata a máis moderna do tubo de ensaio para ver se forma, ou non, aureola no fondo.

De calquera xeito a propiedade máis curiosa da urina (feminina neste caso, como no anterior) experimentouna Ferón (tal vez variante grega de faraón), fillo de Sosostris no Exipto antigo, quen para sandar da súa cegueira debería facer ablucións con mexo dunha muller que non coñecese máis varón que o seu marido. Ferón, que debía ser optimista, ou inxenuo, por natureza, coa primeira que quixo probar o remedio foi coa súa propia e santa esposa.

Lamentablemente, da experiencia só naceu o triste coñecemento da súa condición de cornúpeta. Pero non parou aí a cousa. Catadas urinas das máis honestas damas exipcias, o resultado foi tamén negativo. O país estaba feito unha Gomorra a punto para a acción depuradora dos Anxos de Yahveh ou calquera outro partido ultra-dereitista da época.

Cando por fin Ferón, seguindo o método, atopou a agulla no palleiro da única muller fiel do país, fixo dela a súa compañeira, dando a continuación a orde de proceder a unha depuración ou progrom das adulterinas, que quedou como exemplo para todas as donas daquel tempo. Exemplo que, demóstrao a historia, non valeu de moito ata o presente.

De pequenos dicíannos que non debiamos mexar ó pé das árbores froiteiras, porque podían secar con semellante rega. E do mexo do sapo, por cambiar de escala ecolóxica, non podo esquecer o medo que nos infundía a posibilidade de quedarmos cegos se se producía o contacto daquel mexo coas nosas pupilas.

Pero todo esto son historias pasadas, historias daquel tempo mítico que, segundo Pavese, é o nacemento e o viveiro de toda a nosa obra narrativa posterior.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario